O pleno de Ferrol aproba a licitación do contrato de subministro e mantemento eléctrico

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+

O Pleno do Concello de Ferrol aprobou hoxe, en sesión de carácter extraordinario, a convocatoria da licitación do contrato de subministro de servizos enerxéticos e mantemento con garantía total das instalacións de alumeado público exterior e dependencias municipais do Concello de Ferrol. Os grupos municipais do Partido Popular (PP) e de Independentes por Ferrol (IF) apoiaron a proposta de contrato mixto –de subministro e prestación de servizos- defendida polo concelleiro de Medio Ambiente e Servizos, Borja Carro Muñoz, quen explicou que este terá unha duración de quince anos e establece un custe anual de 2,7 millóns de euros. Estas cifras suporán un aforro anual mínimo para a facenda local de 300.000 euros, posto que na actualidade o gasto por exercicio en concepto de subministro e mantemento eléctrico ascende a 3 millóns de euros.

O titular de Medio Ambiente e Servizos detallou a complexa tramitación da licitación aprobada esta mañá pola corporación municipal: dúas auditoría externas para coñecer a situación tanto do alumeado público como dos edificios municipais e elaboración do prego por parte do enxeñeiro municipal co asesoramento do Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITEGA). Así mesmo, detallou os obxectivos que se conseguen con esta contratación, que son: garantir o emprego aos máis de 15 operarios que actualmente se ocupan deste servizo; a mellora do da prestación ao incluír nun mesmo contrato tanto a xestión do subministro eléctrico como o mantemento das instalacións; a garantía total ao contemplar a renovación, substitución ou reparación de equipos; a mellora da eficiencia enerxética e o fomento do emprego de enerxías renovables con novas instalacións; o aforro mínimo de 300.000 euros por anualidade e, por último, investimentos e melloras na cidade –iluminación do casco histórico e de edificios públicos singulares como a Biblioteca Municipal da Praza de España, o Centro Torrente Ballester, o Teatro Jofre, o Auditorio de Ferrol ou o Pazo Municipal. Este contrato mellorará o sistema actual de iluminación que é deficitario e mellorará o servizo”, concluíu Borja Carro.

Axuda no fogar e apoio ao comercio e hostalería

Noutro orden de cousas, o Pleno de Ferrol tamén aprobou unha reorganización de créditos recollidos no presuposto municipal en vigor. O máis importante é o incremento de 200.000 euros destinado a Área de Benestar Social e que se destinará ao servizo de axuda no fogar a persoas en situación de dependencia. PP e IF votaron a favor desta modificación orzamentaria, mentres que o PSOE se abstivo e IU e BNG a rexeitaron.

E, por último, PP, PSOE e IF apoiaron as bases que regulan a convocatoria pública de subvencións dirixidas a asociacións para a promoción e dinamización do comercio e da hostalería de Ferrol durante o vindeiro ano. Os grupos municipais de BNG e IU votaron negativamente esta proposta do Goberno Municipal que permitirá aos comerciantes e hostaleiros da cidade acollerse a tres liñas de axuda dotadas no seu conxunto con 140.000 euros. Estas achegas destinaranse a actividades de dinamización na rúa; material de promoción e ornamentación de espazos públicos durante a campaña de Nadal.

9 de decembro de 2014 | 13:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.