O Plan RUA actúa na zona de Valaire até o venres
O Concello da Coruña informa de que o Plan RUA actúa, durante estes días, na zona de Valaire. Desde o pasado martes, 2 de decembro, e até o venres día 5, o Plan RUA está nesta zona da cidade, onde intervirá sobre unha superficie de 34.000 metros cadrados que corresponden a 11 rúas e prazas.
Realizaranse distintas actuacións como limpeza e aseo de calzadas, rúas e prazas, colectores e rede de sumidoiros; mantemento de zonas verdes; ou reparación de distintas incidencias. Participarán un total de 30 servizos municipais para conseguir espazos máis limpos, sustentables e ordenados coa colaboración dos veciños. En concreto, realizaranse os seguintes traballos:
– Baldeo de beirarrúas, calzadas e prazas.
– Limpeza e mantemento de mobiliario urbano.
– Limpeza da rede de sumidoiros (1.600 metros lineais, 130 pozos e 200 sumidoiros).
– Mantemento de zonas verdes.
– Reparación de 25 deficiencias de iluminación pública.
– Reparación de 15 metros cadrados de beirarrúas.
– Mantemento de 3 marquesiñas.
Ademais, a actuación aproveitarase para a instalación do punto limpo móbil e para a inspección de vehículos abandonados.











