O Parque Natural do Monte Aloia recibe uns 15.000 visitantes ao ano

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaTui
A-
A+

A directora xeral de Conservación da Natureza, Verónica Tellado, acudiu á xunta consultiva do Parque Natural do do Monte Aloia, situado no Concello de Tui, na provincia de Pontevedra. Este área, que foi o primeiro espazo galego en acadar esta categoría de protección no ano 1878, recibiu no que vai de ano case 15.000 visitantes, sendo a primavera e verán o momento de ano de maior auxe, aínda que recibe visitantes todos os meses do ano.

O Parque Natural de Monte Aloia é un espazo natural que aos seus excepcionais méritos estéticos une un destacado valor forestal, nunha zona propicia ao turismo, proba disto é que xa en 1935 fora declarado sitio natural de interese nacional.

Xunta consultiva

Esta dobre significación, de lugar de alto interese paisaxístico e turístico, e de aproveitamento ordenado dos seus recursos forestais, vén sendo guía das actividades e traballos de conservación realizados desde entón. Para axudar á Administración na xestión do espazo protexido, o parque natural conta cunha Xunta Consultiva, que vén exercendo as súas funcións de asesoramento desde a súa declaración.

Este órgano colexiado reúnese varias veces ao ano, entre sesións plenarias e sesións ordinarias, tendo importancia esta sesión plenaria de fin de exercicio porque nela vaise considerar o estado do parque natural, así como os investimentos realizados e mailos resultados da ordenación forestal en marcha, neste ano 2014.

Durante este ano, no Parque Natural leváronse a cabo actuacións destinadas á conservación da biodiversidade, de hábitats forestais, entre outras como a realizada con persoal pertencente a colectivos desfavorecidos, a través cun convenio coa Obra Social La Caixa, que contou cun orzamento de case 50.000 euros.

Así mesmo, traballouse na mellora de infraestruturas, a adaptación ao uso público de infraestruturas viarias, por un custo de algo máis de 39.000 €; ademais da elaboración dun sendeiro da muralla ciclópea, que contou cun investimento de case 16.500 euros.

Cómpre así mesmo ter en conta os investimentos efectuados polo Servizo de Protección e Defensa Contra Incendios Forestais da Consellería do Medio Rural e do Mar, levando a cabo rozas en cunetas e noiros de pistas; a elaboración dun punto de auga para carga, con peche de malla e revestido de pedra. Estas tarefas supuxeron unha contía de 20.515,85 €.

A Xunta Consultiva do parque natural do Monte Aloia está constituída por 22 membros, correspondentes á Administración da Comunidade Autónoma, propietarios dos terreos do parque natural, Universidade, asociacións conservacionistas, e axentes sociais e económicos con intereses na zona de influencia do espazo natural protexido.

10 de decembro de 2014 | 16:43 • Sen comentarios

Comentarios pechados.