O novo aparcadoiro disuasorio de Broullón entra en funcionamento tras un investimento de 285.000 euros
A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez, supervisou hoxe a posta en servizo do aparcadoiro disuasorio de Broullón, en Moaña. A visita contou tamén coa presenza da delegada territorial da Xunta en Vigo, María José Bravo Bosch.
A nova infraestrutura, que está situada no enlace do Corredor do Morrazo coa estrada PO-313 (Marín-Moaña), contou cun investimento de case 285.000 euros e supón a dotación de 73 novas prazas de estacionamento (dúas para os vehículos de persoas con mobilidade reducida).
Segundo explicou a conselleira, trátase dun novo aparcadoiro disuasorio ao que nos vindeiros meses se sumará outro neste mesmo concello, o de Domaio. Nese caso destinaranse 151.000 euros para facer realidade 31 prazas de aparcadoiro na antiga PO-551, nas proximidades da glorieta de unión entre a estrada PO-551 e o Corredor do Morrazo.
Ethel Vázquez indicou que se trata de dúas infraestruturas de grande importancia para este concello de Moaña, con investimento conxunto que supera os 435.000 euros coa dotación de 105 prazas de aparcadoiro en dúas áreas estratéxicas, dada a súa proximidade ao Corredor do Morrazo e á AP-9.
A posta en servizo dos aparcadoiros disuasorios incidirá na mellora da calidade de vida dos preto de 30.000 habitantes do municipio, que poderán utilizar estes espazos de xeito gratuíto. Ademais, contribuirá ao fomento do transporte público, facilitando as viaxes compartidas na contorna da grande área metropolitana de Vigo.
Conservación das estradas
Por outra parte, Ethel Vázquez destacou que a Xunta aposta polas políticas de mobilidade como amosan os últimos avances para a firma do convenio do Plan de Transporte Metropolitano de Vigo, pero tamén traballa pola seguridade viaria, a través do mantemento e dunha boa conservación das nosas estradas.
Con este obxectivo, hai poucas semanas o Consello da Xunta aprobou os contratos de conservación das estradas de titularidades autonómica por importe de 116 millóns de euros e cun horizonte temporal de catro anos. E o Diario Oficial de Galicia publicará mañá, día 30 de decembro, os contratos de conservación correspondentes á provincia de Pontevedra, (norte e sur) para atender a máis de 1.200 quilómetros de estradas, cun investimento de 27 millóns de euros.
As tarefas de conservación e explotación de estradas teñen por obxecto o mantemento do patrimonio viario en condicións adecuadas, de xeito que permita unha circulación o mais segura, cómoda e fluída posible.
Para conseguir estes obxectivos, a administración autonómica debe levar a cabo, entre outras, actuacións que perseguen facilitar ou facer posible a circulación en condicións de seguridade e fluidez (actividades de vialidade), e actividades destinadas a retrasar a degradación ou a corrixir impactos puntuais (actuacións de conservación ordinaria).
Os contratos que se licitarán mañá suporán un beneficio para os máis de 950.000 habitantes da provincia pontevedresa.











