O Museu Picasso de Barcelona prestará 35 pezas para a exposición sobre o artista na Coruña

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal Portada
A-
A+
Carlos Negreira no Museu Picasso de Barcelona

Carlos Negreira no Museu Picasso de Barcelona

O Museu Picasso de Barcelona prestará 35 pezas para a exposición O primeiro Picasso. A Coruña 2015, que se celebrará a partir do 20 de febreiro no Museo de Belas Artes da Coruña. O alcalde Carlos Negreira agradeceu hoxe persoalmente en Barcelona “a extraordinaria xenerosidade” do museo catalán ao director do mesmo, Bernardo Laniado-Romero, quen o recibiu nas instalacións.

O alcalde recoñeceu a Laniado-Romero que “sería imposible” realizar a exposición sen a colaboración do Museu barcelonés. De feito, nos créditos da mostra e en todas as accións promocionais figurará que O primeiro Picasso. A Coruña 2015 é unha exposición realizada “coa colaboración do Museu Picasso de Barcelona”, que será o maior prestamista.

A pinacoteca catalá conta coa colección máis completa de obras de Picasso realizadas na Coruña, doadas en 1970 polo artista.

Para a mostra que terá lugar no Museo de Belas Artes, Barcelona cederá temporalmente 16 óleos e outros tantos debuxos de Picasso, así como un libro de texto que usou no Instituto e unha caixa de pintor que pertenceu ao artista malagueño. O préstamo complétase cun caderno de debuxo de Isidoro Brocos, escultor santiagués que foi profesor de Picasso na Escola Provincial de Belas Artes da Coruña durante o curso 1894-1895.

Deste xeito, os coruñeses e visitantes poderán admirar a partir do próximo febreiro óleos coruñeses como Hombre con boina ou Clíper, su perro, consideradas dúas das primeiras obras maiores de Picasso. Tamén están realizadas con esta mesma técnica vistas da cidade como La torre de Hércules, Playa del Orzán ou Casas de arrabal; escenas populares como a recollida en Aldeanos gallegos; pezas máis persoais como Velada familiar, Dúas habitacións, Alcoba (estas dúas últimas realizadas na casa do seu mecenas, o doutor Ramón Pérez Costais) ou Responso por la muerte de Conchita, que pintou na capela do cemiterio de San Amaro; ou un curioso retrato realizado sobre un prato de louza branca, Indígena polinesio.

Entre os debuxos destacan obras académicas que Picasso realizou na Escola de Belas Artes coruñesa, como Torso, Cabeza de fauno, Composición alegórica, Flor de acanto, Cinco estudios de manos ou Hombre con un cordero.

Negreira, que puido admirar hoxe boa parte destes óleos e debuxos, lembrou que os catro principais museos picassianos do mundo cederán obra para a exposición coruñesa. “París, Antibes, Málaga e Barcelona prestarán pezas para O primeiro Picasso, o que significa que lles ofrecemos unha proposta expositiva atractiva”, destacou o alcalde, quen prognosticou que esta mostra “situará internacionalmente ao Picasso coruñés”.

Tras o encontro desta mañá con Laniado-Romero (a quen o rexedor regalou un libro de temática coruñesa e un pin da torre de Hércules) o alcalde percorreu as instalacións do Museu catalán acompañado tamén pola conservadora do mesmo Malén Gual, que é ademais a comisaria da exposición que se celebrará na Coruña entre febreiro e maio.

A mostra O primeiro Picasso. A Coruña 2015, promovida polo Concello, está organizada polo Concello, o Museo de Belas Artes, a consellería de Cultura e a Fundación Emalcsa. Con esta exposición conmemorarase o 120 aniversario da primeira mostra individual do pintor, realizada en febreiro de 1895 nun local comercial da rúa Real coruñesa.

15 de decembro de 2014 | 17:08 • Sen comentarios

Comentarios pechados.