O Museo Galego da Marioneta recibe as primeiras visitas no Pazo de Liñares

Visita ao Museo Galego da Marioneta
Onte achegáronse 27 persoas de diferentes puntos da provincia para coñecer este Museo referente galego no mundo dos monicreques e hoxe recibiu a visita de 51 escolares do CEIP de Silleda Tamén un equipo da TVG gravou esta mañá unha reportaxe que se emitirá no programa “A revista da fin de semana” O horario de visitas deste Museo é os xoves, venres, sábados e domingos, de 10 a 14 horas e de 17 a 19 horas
O Museo Galego da Marioneta, inaugurado oficialmente o pasado sábado e único centro destas características en Galicia, recibiu xa as primeiras visitas. Así o vén de indicar a concelleira de Cultura, María Álvarez, que indica que onte, domingo, coñeceron este Museo que alberga máis de 300 pezas de títeres e a biblioteca máis completa da materia en España, un total de 27 persoas chegadas de Vigo, Marín, Pontevedra, Combarro e O Grove.
A responsable municipal sinala que “neste mañá de luns o Museo recibiu a primeira visita de escolares”, un percorrido guiado polo coordinador do Museo, Anxo Basterra, no que tomou parte a propia María Álvarez, e no que 51 alumnos de 5º de infantil do CEIP de Silleda puideron achegarse ao mundo dos monicreques e incluso tomar parte nunha representación de marionetas levada a cabo ad hoc por Basterra para os escolares.
Os centros educativos que desexen visitar este Museo, así como as persoas que a título individual desexen coñecer este Museo referente no mundo da marioneta asentado con sede permanente no Pazo de Liñares poden facelo no horario de visitas ao público, que son: os xoves, venres, sábados e domingo, de 10 a 14 horas e de 17 a 19 horas. Tamén en casos xustificados se poderá visitar nun horario diferente sempre que estea concertada cita previa chamando a Anxo Basterra ao teléfono 645137031, precisa a concelleira.
GRAVACIÓN DA TVG
Tamén na mañá de hoxe un equipo do programa “A revista da fin de semana” da TVG se achegou a Liñares para gravar unha reportaxe sobre o Museo Galego da Marioneta que se emitirá a vindeira fin de semana (o sábado ou o domingo, en horario de 12 a 14 horas).











