O Museo de Pontevedra aposta por animar o Nadal dos máis pequenos
A Deputación de Pontevedra, a través do Gabinete Didáctico do Museo, oferta unha serie de actividades para animar as vacacións dos máis pequenos durante as festas do Nadal. Contos, música e arte serán o eixe deste programa, con obradoiros creativos e un espectáculo que mestura música, literatura e pintura.
Os talleres comezarán o 22 de decembro e neles poderán participar 90 nenos, que terán a ocasión de crear os seus propios adobíos para a árbore con contas de vidro.
Trátase dunha experiencia posta en marcha en 2013 como complemento á mostra Sopros de Nadal, que este ano se retoma debido á boa acollida do pasado ano. De feito, naquela ocasión foi preciso ampliar en dous días a duración dos obradoiros para darlles cabida a 30 cativos máis.
Coñecer o Museo a través do xogo
Ademais do achegamento á arte do vidro e da decoración do Nadal, o obxectivo destas actividades é que os nenos de entre 5 e 12 anos se acheguen de forma lúdica ó Museo e poidan coñecer os seus fondos e o valor deste centro cultural de referencia na provincia e en Galicia.
Ademais de elaborar os seus adornos do Nadal, os nenos percorrerán o Museo na busca do xoguete escondido. Trátase de buscar xogos e xoguetes en diversas obras de arte expostas no Museo, que lles serán explicadas polos monitores dos obradoiros.
As actividades desenvolveranse de 11:00 a 13:00 h os días 22, 23 e 26 de decembro de 2014 (nenos de 5 a 8 anos) e o 29, 30 de decembro e 2 de xaneiro de 2015 (nenos de 9 a 12 anos).
Espectáculo multiartístico
Previamente, o domingo 21 de decembro, os máis pequenos poderán gozar dunha singular representación do conto Unha semana do pequeno elfo Cerra – Ollo, de Hans Christian Andersen, na que se mesturan tres artes diferentes: a literatura, a pintura e a música dun piano tocado a catro mans.
O evento terá lugar no Sexto Edificio do Museo, ás 18:00 h. O dúo de piano Pérez & Rejas (Constantino Pérez Murás e Patricia Rejas Suárez) interpretará en directo unha versión deste conto, realizada polo francés Florent Schmitt, mentres se proxectan imaxes creadas pola pintora Marta Román Cid, inspiradas tanto nos contos coma na música que os acompaña. Ó mesmo tempo a voz da narradora Iciar Borges relatará cada unha das escenas que a música describe.











