O Museo de Pontevedra achega os costumes da sociedade española do século XX e finais do XIX a través do xoguete

Algúns dos xoguetes expostos
O Museo de Pontevedra converterase a partir de maña na “capital do xoguete de Galicia” cunha mostra que representa un achegamento á vida e costumes da sociedade española do século XX e finais do XIX, a través do mundo do xogo e o xoguete.
Así se puxo de manifesto na visita que esta mañá realizaron á montaxe da exposición “O xoguete español. Un século de historia (1880-1980)” o presidente da Deputación, Rafael Louzán, e a deputada Ana Isabel Vázquez.
A mostra inaugurarase mañá, ás 20:00 h, no Edificio Sarmiento, e permanecerá aberta ó público ata o 8 de febreiro de 2015. Nela poderase contemplar unha ampla variedade de xogos e xoguetes desde 1880 ata finais do século XX.
O titular da Administración provincial quixo agradecer a implicación e o traballo da familia Quiroga Monte, “que, unha vez máis, fai posible que o Museo poida acoller unha exposición deste tipo”, que segue a estela da inaugurada o 11 de abril deste ano para conmemorar os 130 anos da chegada do ferrocarril a Pontevedra e que tivo un grandísimo éxito, con preto de 9.000 visitantes.
Louzán incidiu no acerto de inaugurar esta exposición coincidindo coas datas de Nadal, de forma que poidan visitala moitos nenos e nenas que poderán coñecer as formas de xogo dos seus pais e avós e, incluso de varias xeracións anteriores.
Neste sentido, destacou o impulso que nos últimos anos se está dando ao museo de Pontevedra, ampliando cada vez máis a súa oferta de actividades e abríndoo a todos os públicos, de forma que veciños e visitantes atopen nel alternativas de ocio e cultura interesantes.
250 pezas
A mostra está composta por 250 xogos e xoguetes que permitirán aos visitantes non só retrotraerse a épocas infancia, senón que remiten aos usos e costumes das diferentes etapas do último século en España.
Entre os 250 xoguetes que se poderán ver no Edificio Sarmiento figuran numerosas pezas únicas e xogos e xoguetes que se exhiben por primeira vez en España no Museo de Pontevedra.
Así, poderán verse pezas de finais do XIX, construcións moi significativas, como un quiosko de música; as tradicionais e exitosas Mariquita Pérez, das que se expoñen varios exemplares únicos; un coche a pedais que é máis grande fabricado en España e unha ampla serie de xogos e xoguetes, acompañados con fotografías de nenos e nenas no ambiente natural de xogo de cada época.
Boa parte da exposición remite a unha época sen televisión, sen internet, e a unha forma de relación social e familiar ben distinta da actual, que pode dar lugar a un diálogo interxeneracional moi rico e interesante.
Trátase dunha exposición dos mellores e máis representativos xoguetes españois de cada época e de cada tipo. Bonecas, vehículos, dioramas, xogos de mesa…que proceden dunha das mellores coleccións de xoguetes, como é a Quiroga Monte.
Durante a duración da mostra, haberá visitas guiadas dirixidas por persoal do Gabinete Didáctico todos os venres ás 19:00 h e os sábados ás 18:00 h, que se sumarán ás que realizaran os comisarios da mostra realizarán o 16 de xaneiro (ás 19:30 h), e o 17 de xaneiro (ás 12 h).











