O Mercado de Nadal de Lalín reunirá na carpa da Praza da Igrexa 34 postos abertos ininterrompidamente
Esta Feira do Concello de Lalín suma a súa oferta obradoiros de “Paquetería creativa de Nadal” e outros dous de cociña, un a cargo de Conchi Peitado sobre como facer unha sobremesa de Nadal con produtos da comarca, e outro sobre como facer unha cea de Nadal con poucos recursos, así como unha sesión de contacontos de Anxo Moure, sendos concertos do clarinetista Eugeniu Teisanu e Loli Nogueira e a actuacións na rúa de “A Carballeira de Cercio” durante o día Hoxe dá comezo unha actividade promocional para o comercio consistente en que paxes dos Reis percorren as rúas e os establecementos do comercio de Lalín para recoller as cartas que os nenos deixen neles
O vindeiro sábado, 20 de decembro, terá lugar o Mercado de Nadal do Concello de Lalín que se desenvolverá de xeito ininterrompido ao longo de toda a xornada, desde as 10 h da mañá ata as 22 h, nunha carpa instalada na Praza da Igrexa, dentro da que se ofrecerá aos visitantes chocolate e café quente xunto con petiscos de Nadal.
Está confirmada a participación dun total de 34 postos de diversa tipoloxía: alimentación en xeral, economía sostible, alimentación ecolóxica, bixutería, artesanía en prata, coiro, moda, libros, repostería e artigos de Nadal, entre outras. Ao redor da metade dos postos son de Lalín e de participación doutros lugares hai expositores de Lugo, Santiago, Ourense, Silleda, Touro e Vilagarcía, entre outras localidades.
Así o avanza a concelleira de Actividade Económica, Comercio e Emprego, María José Batán que así mesmo anuncia que “hoxe día 16 de decembro iníciase no marco do programa municipal de dinamización de Nadal, unha actividade promocional para o comercio de Lalín consistente en que os paxes dos Reis percorrerán as rúas e os establecementos do pobo para recoller as cartas que os nenos deixen nas tendas, ademais de entregar globos e caramelos.
PROGRAMA
A Feira abrirase ás 10 da mañá con xogos tradicionais. Ás 12 horas o carteiro real visitará o Mercado e recollerá as cartas para os Reis Magos e ás 12.30 horas o contacontos Anxo Moure ofrecerá unha sesión de contos titulada “A Titiricleta”. Ás 13 horas terá lugar un sorteo no mercado, a través dunha achega feita polos vendedores do mercado de Lalín.
Ás 13.15 horas terá lugar o concerto do clarinetista Eugeniu Teisanu e ás 15.30 horas desenvolverase un obradoiro sobre “Paquetería creativa de Nadal”, no que se poderá participar previa inscrición.
Sobre as 17.30 horas dará comezo un taller de gastronomía dirixido por Conchi Peiteado, do restaurante Agarimo, sobre “Como facer unha sobremesa de Nadal con produtos da comarca”.
Xa ás 19 horas terá lugar outro obradoiro de cociña a cargo de Ultra_Alimento co título “Conta conto dunha Cea de Nadal Paupérrima”. Ás 20.30 horas a compostelá Loli Nogueira, finalista do programa “Tú sí que vales” ofrecerá un concerto co título “Risto, ela si que vale!
SORTEOS NA PRAZA DE ABASTOS
Ao longo de todo o día haberá pasarrúas e actuación do grupo “A Carballeira de Cercio” que tamén actuará a partir das 11 horas na Praza de Abastos onde terá lugar ás 12 horas o sorteo de Nadal consistente nunha cesta de Nadal valorada en 400 euros como primeiro premio e como segundo premio, unha cesta de Cocido con produtos frescos e salgados como segundo premio. Así mesmo na Praza de Abastos terá lugar o 5 de xaneiro, tamén á mesma hora, o sorteo de Reis cun premio dun robot de cociña.











