O luns comezará a funcionar na Avenida Fisterra a zona azul gratuíta

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Laracha
A-
A+

A partir deste luns a zona azul gratuíta na Avenida Fisterra da Laracha entrará en vigor, restrinxíndose a noventa minutos o tempo máximo de estacionamento dos vehículos que, para cumprir a normativa, deberán indicar nun lugar visible e por calquera medio a hora de chegada. Para advertir desta cuestión, serán descubertos os paneis informativos que están instalados ao longo desta vía, na que as prazas de aparcamento foron marcadas en cor azul.

O Concello da Laracha porá en funcionamento esta medida coincidindo co inicio da campaña de Nadal e como un xeito de facilitar o estacionamento na zona máis céntrica da capital municipal, o que se agarda sexa un incentivo para o comercio e local e o sector servizos, ademais de facilitar a realización de trámites ás persoas que acudan ao propio Concello, edificio administrativo ou ás diferentes entidades bancarias situadas na Avenida Fisterra.

A medida estará vixente de luns a venres pola mañá, en concreto de 9:00 a 15:30 horas e contempla sancións de oitenta euros en caso de incumprimento. Durante as tardes, nas fins de semana e tamén nos festivos poderase estacionar na zona azul sen ningún tipo de restrición horaria.

Desde o Concello da Laracha realizouse durante as últimas semanas unha extensa campaña informativa que concluíu coa elaboración dun bando municipal no que se informa sobre o inicio da entrada en vigor da normativa. Tamén se enviaron cartas personalizadas a todos os veciños do municipio que dispoñen da tarxeta de mobilidade reducida para comunicarlles que non se verán afectados por esta norma municipal. Ademais, o Concello elaborou discos horarios de cartón que están a ser distribuídos de xeito gratuíto, iniciativa que tamén levou a cabo a Asociación de Comercio, Servicios e Industria da Laracha (ACSIL).

Salientar, por último, que a ordenanza municipal sobre tráfico, circulación de vehículos a motor e seguridade viaria tamén establece que non poderán aparcar en zona azul os vehículos que superen os 3.500 quilos de peso máximo autorizado (salvo permiso expreso) e que están exentos das limitacións os automóbiles con licenza municipal para actividades específicas de ocupación de vía, os vehículos de entidades públicas adscritos á defensa e á seguridade cidadá e as ambulancias e vehículos de emerxencias (cando se atopen cumprindo tales servizos).

13 de decembro de 2014 | 12:55 • Sen comentarios

Comentarios pechados.