O ilustrador David Pintor participa no stand de Kalandraka da FIL mexicana

David Pintor na FIL
O ilustrador David Pintor é un dos integrantes da delegación galega na Feira Internacional do Libro de Guadalajara (México), que se celebra ata o 7 de decembro. KALANDRAKA está participando un ano máis nesta cita internacional cos libros e coa lectura; unha das máis importantes de Latinoamérica.
Polo stand de KALANDRAKA están pasando nestes días autores e ilustradores, como os mexicanos Cecilia Rébora e Gabriel Pacheco, que participaron en sesións de firmas dos seus libros. Tamén visitaron o espazo dos Libros para Soñar expertos en Literatura Infantil e Xuvenil e críticos literarios como Sergio Andricaín e Antonio Orlando Rodríguez, da Fundación Cuatrogatos. Ademais, bibliotecarios, libreiros, docentes e público interesado en coñecer as novidades do catálogo de KALANDRAKA estanse achegando esta semana ata o stand, situado a carón de Ediciones Tecolote; unha das editoras mexicanas máis importantes, que distribúe os Libros para Soñar de KALANDRAKA neste país.
KALANDRAKA presenta na FIL de Guadalajara o último Premio Internacional Compostela, “Ícaro”, de Federico Delicado; ou os novos volumes da colección ‘Do berce á lúa’ ilustrados polo galego Óscar Villán, Premio Nacional de Ilustración. Nas salas de lectura da FIL, auspiciadas polo organismo gubernamental Consejo Nacional para la Cultura y las Artes de México, atópanse exemplares da serie ‘Animais Extraordinarios’, que coordinan os profesores galegos Xulio Gutiérrez e Chema Heras.











