O Igape salienta na Coruña a importancia da formación especializada como chave para impulsar as exportacións

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaA Coruña
A-
A+
Javier Aguilera na apertura das xornadas

Javier Aguilera na apertura das xornadas

O director xeral do Igape, Javier Aguilera, salientou hoxe na Coruña a importancia da formación e o asesoramento especializados como chave para impulsar as exportacións galegas. Aguilera participou xunto ao director xeral da Fundación Gas Natural Fenosa, Martí Solà, na apertura da xornada Primeira exportación: un reto asumible para calquera peme, promovida pola fundación en colaboración coa Xunta, e que busca achegar esa formación e asesoramento especializados aos empresarios galegos, co obxectivo de impulsar o número de empresas con presenza comercial no exterior.

Aguilera subliñou que Galicia bateu o ano pasado o seu récord de número de compañías exportadoras, achegándose ás 6.400, pero incidiu en que ese número debe crecer aínda máis en liña cos obxectivos da Estratexia de Internacionalización da Empresa Galega 2020, que está a impulsar a Xunta. Como chave para acadar as metas da estratexia, que pasan por incrementar as exportacións das empresas galegas ata os 23.000 millóns de euros en 2020, o director do Igape incidiu na importancia do coñecemento especializado.

Neste senso, Aguilera salientou que o Igape xa ten facilitado asesoramento gratuíto sobre o seu potencial de internacionalización a máis de 1.200 empresas, ás que se poderán sumar outras 400 durante o próximo ano. Resaltou ademais que o apoio á formación é un dos piares do respaldo do Goberno galego á internacionalización, simbolizada nos bolseiros do Igape especializados no eido exportador, unha bolsa que acolle actualmente a preto de 800 expertos a disposición das empresas galegas.

O director do Igape agradeceu o compromiso da Fundación Gas Natural Fenosa para apoiar a internacionalización do tecido produtivo galego mediante o programa de xornadas Primeira Exportación, que aposta por orientar e formar aos empresarios e xerentes das pemes galegas que desexen iniciarse na exportación mediante un abano de apoios entre os que se inclúen habilidades para reducir o risco nas operacións de cobro e pago no ámbito do comercio exterior.

Ademais, as empresas participantes puideron coñecer, entre outros aspectos, casos de éxito de empresas exportadoras e as pautas para a optimización do transporte internacional. A xornada desenvolverase mañá en Vigo.

1 de decembro de 2014 | 17:49 • Sen comentarios

Comentarios pechados.