O Hospital do Salnés presta unha axeitada cobertura sanitaria ante a aparición das patoloxías habituais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedraVilagarcía de Arousa
A-
A+

O Hospital do Salnés está a prestar una axeitada cobertura sanitaria nas súas dependencias asistenciais nestas primeiras datas do inverno, nas que habitualmente se incrementan as atencións por patoloxías respiratorias e pola reagudización dos procesos crónicos.

Neste sentido, a Dirección do centro hospitalario de Ande-Rubiáns, en coordinación coas indicacións do servizo de Urxencias, puxo o domingo en funcionamento o terceiro andar para garantir unha boa atención sanitaria ante a nova demanda asistencial desta época do ano, na que tamén se coordinou o suministro de medicación pertinente en cada caso.

Correcta xestión asistencial das Urxencias

Así mesmo, segundo se sinala desde o servizo de Urxencias do Hospital do Salnés, os procesos asistenciais estánse a xestionar correctamente, aplicando protocolos de atención en función da prioridade de cada paciente e adecuando os recursos humanos e materiais ás necesidades de cada momento.

Non obstante, cómpre sinalar que máis das tres cuartas partes dos pacientes que acoden ao servizo de Urxencias do Hospital do Salnés non veñen axeitadamente derivados das urxencias extrahospitalarias da Atención Primaria da comarca, tal e como deberían proceder previamente os usuarios ante a necesidade de asistencia sanitaria non vital, para non sobrecargar as Urxencias hospitalarias con patoloxías non graves.

Onda gripal nunha intensidade media

No que atinxe aos procesos gripais, segundo os informes de seguimento da Consellería de Sanidade, nestes intres a onda gripal está nunha intensidade media. En xeral a súa sintomatoloxía é leve, e nos casos nos que se require asistencia médica -salvo que existan complicacións- pódese recibir con total garantía nos centros de Atención Primaria e nos Puntos de Atención Continuada do Servizo Galego de Saúde en Arousa.

29 de decembro de 2014 | 17:09 • Sen comentarios

Comentarios pechados.