O Goberno de Oleiros leva ao pleno a aprobación do orzamento xeral para 2015
O Goberno local levará ao pleno que se celebra o próximo martes día 16 o Orzamento xeral para 2015. Este orzamento increméntase nun 2,16% en relación ao do pasado exercicio e de acordo coa normativa estatal pola que fixan os obxectivos de estabilidade orzamentaria para o período 2015-2017. O documento prevé un incremento do 10% nas axudas ás entidades locais e un 20% nas partidas destinadas aos Servizos Sociais. Así mesmo, prevese un investimento en novas obras e contratación de servizos de preto de 4 millóns de euros.
Entre estes investimentos inclúense, por sinalar uns poucos como exemplo, o acondicionamento do viveiro municipal de empresas, recuperarase a finca Tenreiro e acondicionarase o contorno da fonte de Canaval. Así mesmo, renovarase parte do mobiliario público e instalaranse paneis informativos e divulgativos no Monumento Natural da Costa Dexo-Serantes. Tamén se reporá arboredo en zonas verdes, xardíns e paseos marítimos, e xogos infantís nos parques. Mercaranse dúas furgonetas destinadas a actividade no departamento de servizos, encargado da conservación destes espazos públicos.
Ademais da aprobación do orzamento que rexerá a vida municipal ao longo de 2015, no pleno debaterase a venda dunha pequena finca municipal a un grupo veciños da urbanización Icaria e o cambio de estatutos do Consorcio das Mariñas para adaptalo á nova lexislación.











