O goberno de Carballo saca adiante os orzamentos xerais da corporación para 2015
O goberno carballés sacou adiante nunha sesión plenaria extraordinaria celebrada o luns 15 de decembro os presupostos xerais da corporación para 2015 por maioría simple, cos votos a favor do grupo municipal do BNG, a abstención do PSOE e os votos en contra de PP e TEGA. Nun pleno de preto de tres horas de duración, a Concelleira de Facenda, Belén Lendoiro, foi a encargada de presentar unhas contas que no apartado de gastos reflicten un importe de 22.326.719 euros e no de ingresos de 22.753.238 euros, centrándose, segundo estivo explicando polo miúdo Lendoiro, na prudencia, o realismo e a solvencia, sen esquecer o gasto social, a dotación de servizos, a economía, o emprego e os proxectos para seguir humanizando o centro da vila.
O pleno, no que se incluíron numerosos asuntos de trámite que non fora posible abordar na sesión ordinaria de novembro porque tivera que interromperse ao pouco de comezar a causa das protestas do público asistente, transcorreu neste caso con absoluta normalidade, aínda que tamén estivo marcado pola reclamación de parte da veciñanza con motivo da Ordenanza fiscal nº 6 reguladora da taxa pola prestación do servizo de recollida de lixo. Neste caso, puideron manifestar a súa postura ao abeiro do Regulamento de Participación Cidadá a través da intervención de Roberto Arán Vecino, que falou en nome dos presentes.
Aínda que a súa solicitude foi presentada fóra de prazo e non é regular alterar a orde do día nos plenos extraordinarios, finalmente permitiuse que a veciñanza expuxese a súa postura. Pouco antes, os concelleiros xa debateran unha moción de TEGA na que se solicitaba a derrogación da modificación da ordenanza do lixo no que respecta ás vivendas baleiras e a introdución doutro tipo de variables á hora de aplicar a normativa. En todo caso, a proposta foi rexeitada, ao igual que outra moción do PP na que se realizaban varias peticións en relación co alumeado público. Tamén o PP retirou a moción que tiña presentado para solicitar o comezo dos traballo da Autovía da Costa da Morte, xa que as obras teñen comezado recentemente. Respecto dos asuntos de trámite, saíron adiante todos os demais puntos incluídos na orde do día. Así, aprobouse a modificación da composición da Mesa local de Comercio, á que se incorpora a Asociación de Comerciantes e Hostaleiros do barrio da Milagrosa, así como a Concelleira de Feiras e Mercados, Milagros Lantes Seara. Recibiu tamén luz verde un acordo de imposición e ordenación de prezos públicos por actividades de Formación e Emprego do Concello, regulándose así o uso das instalacións do Fórum por parte de distintas entidades.
Por último, aprobouse o estudo de detalle da parcela E-41 da rúa da Madeira no Parque Empresarial de Bértoa. Trátase dun espazo no que se está construíndo unha nave para a empresa Casas Cube SL. No apartado de seguimento de órganos de goberno, ademais da intervención da veciñanza, deuse conta do Informe de Intervención e Tesourería do cumprimento da Lei de medidas contra a morosidade relativo ao terceiro trimestre de 2014. Durante o terceiro trimestre de 2014 pagáronse en prazo 1.313 facturas por un importe superior ao millón e medio de euros. Fóra de prazo, cun exceso de 19,48 días, pagáronse 119 facturas. A sesión rematou sobre as 23.20 horas, logo de case tres horas de debate.











