O goberno da Laracha presentará á corporación os segundos orzamentos máis elevados na historia do municipio

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Laracha
A-
A+

O goberno local da Laracha xa ten ultimado o proxecto de orzamentos xerais para o exercicio 2015, que serán sometidos a ditame da Comisión Informativa de Asuntos Económicos, Facenda e Especial de Contas o xoves da próxima semana antes de ser elevados ao Pleno da Corporación na sesión extraordinaria que se celebrará o mércores 17 de decembro.

Os números que se presentarán para o próximo curso foron deseñados desde a cautela e a responsabilidade, renovando os compromisos da eficacia e eficiencia na xestión dos recursos dispoñibles e pivotando nos eixos principais da conxelación dos tributos municipais, a prosperidade económica, a prestación de servizos públicos, a mellora da calidade de vida dos veciños con investimentos en infraestruturas prioritarias, o apoio ao asociacionismo, a organización de programas propios de actividades, o mantemento do esforzo económico nas bolsas de estudos municipais e a redución da débeda viva.

Respectando todas estas premisas, presentaranse á Corporación os segundos presupostos máis elevados da historia do Concello da Laracha, que superarán a barreira dos sete millóns de euros. En concreto situarase na cifra de 7.053.486,71 euros -que estarán equilibrados en ingresos e gastos-, supoñendo un incremento próximo a un punto e medio porcentual con respecto ao ano en curso.

O aumento nos ingresos explícase pola mellora dos procedementos de xestión recadatoria dos tributos que se desenvolven coa colaboración da Deputación Provincial da Coruña. A pesar de que o Concello da Laracha manterá o imposto de bens inmobles (IBI) no tipo mínimo fixado por lei, a partida orzamentaria aumentará ao rexistrarse novas altas con obrigas de pagamento. Tampouco haberá variacións nos demais tributos e taxas municipais, como por exemplo o imposto de circulación, a recollida de lixo e o IAE, entre outros.

No apartado de gastos, salientar o reforzamento das partidas orzamentarias relacionadas cos servizos sociais, aos que se destinarán máis de 800.000 euros para garantir a continuidade de programas da importancia e relevancia do servizo de axuda no fogar ou do Harmoniza (apoio á conciliación a través da aula lúdica municipal), entre outros, así como as achegas municipais correspondentes ao centro de día e fogar residencial e á escola infantil, e o mantemento dos centros sociais da terceira idade da Laracha, Paiosaco e Caión, o Centro de Información ás Mulleres e das diversas accións formativas e actividades de envellecemento activo que se levan a cabo ao longo de todo o ano.

Tamén se propón que o fondo de emerxencia social dispoñible en 2015 para atender ás necesidades máis básicas das familias que presenten dificultades económicas se aumente en case un setenta por cento con respecto á cantidade do exercicio anterior.

En canto aos investimentos en infraestruturas municipais, a previsión é realizar un notable esforzo destinando preto de un millón e medio de euros ao financiamento de actuacións prioritarias. Ademais da diversas melloras na rede viaria municipal que afectarán tanto a zonas urbanas como á rural, contémplase nos orzamentos a construción da travesía con beirarrúas de A Cachada e as prazas nos Igrexarios de Soutullo e de Lemaio.

Por outra banda manterase o compromiso de apoio aos estudantes destinando 55.000 euros ás bolsas municipais. Do mesmo xeito continuarase apostando polo asociacionismo con 141.500 euros para entidades culturais e educativas, clubs deportivos e comisións de festas. Tamén o Concello destinará recursos propios para a organización directa de programas de actividades dirixidos a todos os públicos ao longo de todo o ano.

Ademais, contémplase as correspondentes achegas económicas á Fundación Amigos de Galicia, á Confraria de Pescadores de Caión (mantemento do museo do Arquivo da Pesca) e á Asociación de Comercio (ACSIL). No caso da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil, a achega municipal duplicarase para alcanzar os seis mil euros.

Para rematar, salientar que as amortizacións de créditos anticipadas realizadas nos últimos anos permiten agora ter unha menor carga financeira e poder destinar recursos a outras partidas. En 2015 contémplase nos orzamentos elaborados polo goberno local o pagamento de 42.000 euros a entidades bancarias, cifra á que se engadirán outros 81.000 euros con cargo ao Plan de Aforro e Investimento municipal (PAI) que promove a Deputación Provincial da Coruña. Por tanto, no próximo exercicio económico a débeda viva municipal cancelarase case por completo, quedando reducida a unicamente 3.400 euros.

O goberno local mantivo no deseño dos novos orzamentos a prudencia e a responsabilidade características de anteriores exercicios, seguindo ademais as mesmas liñas mestras que posibilitaron o progreso do Concello da Laracha a todos os niveis ao longo dos últimos anos e que se traduciron na notable mellora en infraestruturas municipais e servizos á cidadanía.

6 de decembro de 2014 | 17:53 • Sen comentarios

Comentarios pechados.