O Goberno da Coruña inviste 400.000 euros na creación dunha praza en Novo Mesoiro
O Concello da Coruña saca a concurso o proxecto consensuado cos veciños do barrio de Novo Mesoiro para conectar as rúas Fragas do Eume e Ribeira Sacra a través dunha parcela cedida polos propios residentes e que se converterá nunha nova praza para o barrio dedicada a espazo público de esparexemento. A Concellaría de Infraestruturas reserva 400.000 euros para a execución das obras.
O proxecto, aprobada a súa licitación na Xunta de Goberno da semana pasada, inclúe o acondicionamento e mellora do espazo existente entre as rúas Ribeira Sacra e Fragas do Eume, no barrio de Novo Mesoiro, o que supón dar resposta a unha demanda dos veciños. Cun prazo de execución máximo de 6 meses, as obras consisten na construción dunhas plataformas unidas por escaleiras e ramplas para ofrecer accesos peonís entre as dúas rúas; así como o axardinamento e a instalación de iluminación pública e de áreas de descanso con bancos, papeleiras e parterres.
Dentro do Plan de Modernización de Espazos Públicos, o departamento municipal de Infraestruturas, coa colaboración das concelleiras de Barrio, acordou este proxecto cos veciños da zona, quen precisamente cederon ao Concello o uso do chan de maneira gratuíta por 99 anos para crear este espazo público de esparexemento e de conexión entre as rúas Ribeira Sacra e Fragas do Eume.
A proposta municipal inclúe a creación dun parque onde se poidan desenvolver actividades deportivas e de xogo tanto para nenos como para persoas maiores. Debido ao nivel existente, as dúas rúas conectaranse mediante escaleiras e cun percorrido adaptado a discapacitados a través de ramplas.











