O goberno da Coruña crea a Oficina Técnica de Emerxencias para asesorar a veciños e comisións de festas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal Portada
A-
A+

O tenente de alcalde de Seguridade Cidadá, Julio Flores, anunciou a posta en marcha da nova Oficina Técnica de Emerxencias, que unificará os recursos municipais que están dispoñibles a través do Servizo de Extinción de Incendios e Salvamento (SEIS) e de Protección Civil para pór a disposición de veciños e comisións de festas e poidan así cumprir a lexislación e, ao mesmo tempo, garantir a seguridade das persoas que asisten a eventos festivos e de carácter multitudinario.

“A Oficina Técnica de Emerxencias concentrará os recursos repartidos en bombeiros e Protección Civil, unificaranse para pór a disposición de veciños e comisións de festas para que poidan cumprir a lei, facilitar os requisitos que deben cumprir e explicar como levar a cabo os informes para que os actos festivos se axusten á lexislación”, destacou o tenente de alcalde, quen engadiu que esta nova oficina municipal, pioneira en Galicia, permitirá anticiparse ás novas leis que tanto a nivel estatal como autonómico aprobaranse para “garantir a seguridade de persoas que asisten a festas e eventos”.

“Queremos pór todos os medios e experiencia de bombeiros e Protección Civil a disposición dos cidadáns a través da Oficina Técnica de Emerxencias, que estará no parque de bombeiros da Grela, que xa conta actualmente co persoal e as instalacións adaptadas a tal fin”, sinalou Julio Flores.

A prevención é un dos alicerces fundamentais do servizo da área de Seguridade Cidadá, o que se traduciu o ano pasado en máis de 4.000 horas en tarefas preventivas por parte do Servizo de Extinción de Incendios e Salvamento, é dicir, máis do dobre que en 2012. Co fin de dar resposta a unha demanda do cidadán en relación á prevención e seguridade contra incendios, creouse esta oficina técnica, cuxa misión é impulsar e desenvolver a prevención, seguindo as directrices e instrucións da normativa vixente. Os campos de traballo desta oficina técnica serán:

– Elaboración de informes sobre espectáculos públicos e actividades recreativas para a tramitación de licenzas, segundo as competencias establecidas na Lei 9/2013 de emprendimiento da Xunta de Galicia.

– Elaboración de informes técnicos dentro do ámbito da seguridade e prevención de incendios (por exemplo, normativa, accesibilidade ou hidrantes).

– Inspección -de oficio ou a demanda- das peticións efectuadas polo cidadán en relación á seguridade contra incendios para a elaboración de informes técnicos.

– Información sobre normativa de aplicaciónpor consulta escrita ou presencial.

– Supervisión dos plans de autoprotección, seguridade ou de emerxencia exixibles por normativa e a elaboración destes plans de carácter municipal.

– Investigación de incendios de especial singularidade (ben sexa por vítimas, que exista intencionalidade ou polos danos materiais ocasionados).

– Organización dos servizos e reténs preventivos de seguridade dentro do ámbito municipal.

– Fomentar campañas de información e formación ao cidadán e en especial, naqueles sectores de máis risco ou máis vulnerables (nenos, persoas maiores ou con mobilidade reducida).

– Elaboración de traballos e estudos para a mellora continúa da normativa de carácter local.

CAMPAÑAS

Julio Flores detallou os resultados da última campaña especial sobre tenencia responsable de animais, á vez que agradeceu a colaboración da asociación Cancoruña e do Colexio Oficial de Veterinarios da Coruña para o desenvolvemento desta iniciativa durante o pasado mes de novembro.

En total, realizáronse 148 controis en rúas e prazas públicas da cidade, tras os cales se tramitaron 46 denuncias por incumprir a normativa vixente (cans soltos, sen boceira, sen microchip identificativo, ou cans potencialmente perigosos sen seguro ou non inscritos no rexistro municipal). O tenente de alcalde de Seguridade Cidadá explicou que se continuarán cos labores de vixilancia e control, pero tamén se proseguirá coa campaña de concienciación a través dos promotores ambientais nos barrios nos que desenvolva o Plan RUA.

Julio Flores tamén anunciou que, ás campañas para a mellora da seguridade viaria desenvolvidas desde o Concello ou en coordinación coa Dirección Xeral de Tráfico (DXT) e que este ano supuxo o control a case 20.000 vehículos, sumaranse o próximo ano os controis de drogas a condutores, para os que o Orzamento Municipal de 2015 reserva o investimento necesario para levalos a cabo. O tenente de alcalde de Seguridade Cidadá sinalou que, a nivel estatal, a través de controis preventivos de tráfico, detéctase que un 40% dos condutores dá positivo por drogas nas zonas de lecer nocturno.

5 de decembro de 2014 | 18:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.