O fútbol sala base non descansa nin en vacacións
As vacacións de Nadal non foron unha escusa para deixar a un lado o fútbol sala. Algúns dos equipos das categorías base do Santiago Futsal disputan estes días diferentes torneos de fútbol sala por toda Galicia, nos que gozan do bo ambiente e a convivencia entre equipos.
O equipo benxamín disputou, o pasado fin de semana, o Torneo de Teo; así como os equipos alevíns disputaron, nas mesmas datas, os Torneos de Celanova e o 7º Torneo de Nadal de Noia. Tamén o equipo cadete disputou o Torneo de Valga de categorías cadetes.
A sección feminina do Santiago Futsal tamén aproveitou estas datas para disputar diferentes encontros contra equipos da zona. O pasado sábado o equipo Santiago Futsal A Gaiola A desprazouse a Porto do Son onde se mediron, nun amigable, ao Portosín FS. E o domingo, o Santiago Futsal A Gaiola B disputou o Torneo de Cangas.
Pero os torneos aínda continúan no 2015. Os primeiros días do ano, os equipos benxamín, infantil e xuvenil de Liga Nacional, desprazaranse a Lugo a xogar o Torneo Cidade de Lugo, onde xogará a fase final deste. Os días 2 e 3 xogarán fase final de grupos e o día 4, en caso de clasificarse, as semifinais e finais.
Deste xeito, os diferentes equipos das categorías base do Santiago Futsal aproveitan estas datas para seguir gozando deste deporte e seguir medrando e formándose.











