O desenvolvemento económico centra o debate do cuarto “Focus Group” entre Tomiño e Cerveira

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaTomiño
A-
A+

No marco da Axenda Estratéxica para a Cooperación TransfronteirizaCerveira-Tomiño 2014-2020, impulsada polos municipios fronteirizos de Tomiño e Vila Nova de Cerveira, celebrouse hoxe o cuarto e último “Focus Group” organizado conxuntamente baixo o título de “Desenvolvemento Económico. Sectores con potencial de colaboración; emprego e emprendemento”.

O encontro, no que participaron empresarios e técnicos de distintos sectores económicos (produtores de planta ornamental, flor cortada, kiwi, vide; asesorías, servizos, comercio, etc.), estivo presidido polos rexedores locais de ambos os municipios, Fernando Nogueira (Cerveira) e Sandra González (Tomiño), tivo coma poñente a Xavier Martínez Covas, profesor de Economía Aplicada da Universidade de Vigo, e coma moderadores a Patricia Rodríguez (Asociación Cultivos Baixo Miño) e Luís Ceia (CEVAL) .

Os asistentes tentaron facer unha posta en común das necesidades e recursos de cada concello, co fin de contribuír a unha maior integración dos municipios na Euro-Rexión, e ao deseño de proxectos conxuntos que poidan presentarse a convocatorias de programas europeos.

Neste cuarto e último encontro, abordáronse temas coma a necesidade de coñecer mellor a normativa en materia empresarial que rexe dun e doutro lado da fronteira; trámites necesarios para novos emprendementos comerciais, requisitos económicos, fiscais, etc. Neste punto púxose de manifesto a necesidade de solventar previamente problemas burocráticos e legais que existen na actualidade, e dificultan unha maior relación comercial e empresarial.

O poñente, Xavier Martínez Covas, profesor de Economía Aplicada da UVigo, propuxo aproveitar a experiencia de ambas as localidades, así coma afianzar as relacións entre os técnicos de emprego e desenvolvemento dos dous municipios, de xeito que estes poidan informar ás persoas interesadas en establecer un negocio a normativa vixente, tanto en Galicia coma en Portugal.

O programa metodolóxico destes encontros desembocará na celebración das I Xornadas Amizade Cerveira-Tomiño, no vindeiro mes de febreiro.

5 de decembro de 2014 | 18:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.