O Deportivo traslada a súa disposición a aclarar calquera cuestión sobre a venda de entradas
O Real Club Deportivo da Coruña trasladou a súa disposición a “aclarar calquera cuestión” sobre a venda de localidades para o partido do pasado domingo, ao tempo que alega que “en todo momento” transmitiu “a información dispoñible, proporcionada polos responsables da xestión de venda de entradas para o partido Atlético de Madrid- Deportivo, sinala nun comunicado.
Despois de que a Federación de Peñas Deportivistas asegurase que as entradas aos Riazor Blues, un total de 110, foron vendidas nas taquilla do club e que o Deportivo coñecía a intención destes de adquirir localidades, o club fixo público un comunicado na súa páxina web.
Nel, sinala que dous empregados do club “declararon ante a Policía Nacional” sobre a venda de entradas e que un deles prestou este xoves “unha declaración ampliatoria a petición da Policía Nacional”.
Mentres, indica que o club coruñés “quere evitar calquera polémica de cifras ou datos coas institucións afectadas polos feitos investigados”.
INVESTIGACIÓN POLICIAL
Tamén mostra a súa confianza “en que a investigación que vén realizando a Policía determinará con toda exactitude a devandita información e a intervención concreta de todas as partes”.
“Todos os empregados do Real Club Deportivo e membros do consello de administración están a disposición das autoridades para aclarar calquera cuestión sobre este caso”, engade. Ademais, indica que está á súa disposición “toda a documentación, sistemas de comunicación e contabilidade do club”.
“DANO Á IMAXE” DO CLUB
Por outra banda, agradece ao Ministerio do Interior, a Policía Nacional, o Consello Superior de Deportes, a Comisión Estatal contra a Violencia, a Liga de Fútbol Profesional e a Federación Española de Fútbol “a súa vontade de aclarar o sucedido o pasado fin de semana e de poñer todos os medios para evitar que volva suceder calquera tipo de acción violenta”.
“Os retos actuais do club nos planos deportivo, económico e social son suficientemente complexos e importantes como para que desexemos a pronta e completa aclaración duns feitos que están a danar gravemente a imaxe do Real Club Deportivo, a súa afección e a cidade”, conclúe.











