O Depor non localiza á Federación de Peñas para que explique as cen entradas que vendeu aos ultras
O Deportivo da Coruña non logrou localizar aínda os responsables da Federación de Peñas do conxunto galego para que expliquen por que venderon un centenar de entradas aos ultras de Riazor Blues. “Levan días sin dar sinais de vida, non sabemos nada deles”, lamentou en declaracións un voceiro da entidade.
Os investigadores da Policía cifran en cen as entradas que adquiriron os radicais de parte da Federación de Peñas nunha xestión da que o Deportivo non foi informado, segundo este voceiro. O club informa que seguiu o protocolo habitual á hora de solicitar entradas e pediu 365 ao Atlético de Madrid para vendérllelas aos seus afeccionados que quixesen presenciar o partido no Vicente Calderón. Non chegou a vendelas todas e devolveu 77. “Se non se venden e non se devolven as tes que pagar”, explica.
O Deportivo sostén que de forma paralela a Federación de Penas se puxo en contacto co Atlético de Madrid para pedir un paquete de entradas pola súa parte o número da cal descoñecen. “Non é unha actuación moi habitual en Primeira División porque a maioría de clubs non recoñecen a estes colectivos como interlocutores válidos e só tratan directamente co club”, explica este mesmo voceiro, quen compara a situación con Segunda División onde se se dá con máis normalidade.
Sempre segundo a versión do Deportivo, o Atlético de Madrid accedeu á petición da Federación de Penas. Sospeitan que foi así porque á oficinas do club galego chegou un paquete a nome da Federación e limitouse a facerllo chegar.
Trataron de poñerse en contacto coa Federación de Penas a través de dous números de teléfono oficiais do colectivo, pero un permanece apagado e no outro non responden. As súas últimas comunicacións remítense a súa páxina de Facebook.
ANUNCIABAN 400 ENTRADAS
“Viaxa coa @fpdeportivistas ao Caldeirón a próxima fin de semana 29-30 de novembro. Prezo da Viaxe: 100 euros penas federadas/ 110 publico en xeral. Inclúe autocar, hotel con almorzo e entrada para o partido. Dende a Federación dispoñemos de 200 entradas a 30 euros e 200 a 40 euros, polo tanto rateásense entre todas as agrupacións interesadas en desprazarse. Todos os interesados chamarnos ao 698145 XXX. Forza Depor”. Ademais nun comentario posterior matizaban que “os autocares sairán o sábado 29 de Riazor ás 9 horas e o regreso despois do partido”.
A súa última comunicación pública ata agora tivo lugar o 30 de novembro, despois de coñecerse a morte do ultra de Riazor Blues: “Dende a Federación de Penas Deportivistas, poñémonos a disposición da familia do afeccionado falecido e mostrámoslles as nosas condolencias e apoio en todo o que necesiten”.
Ademais, condenaban e lamentaban os incidentes acontecidos nas inmediacións do Estadio Vicente Calderón. “Esperamos que un feito tan dramático como o sucedido sexa o punto de inflexión para que non se repita xamais. No fútbol non poden ter cabida este tipo de actos e por iso dicimos non á violencia”.











