O Consello de Participación Veciñal de San Sadurniño reúnese para definir as bases das subvencións a entidades do ano que vén

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

O Consello de participación veciñal é o máximo órgano de participación, información, seguemento e control daqueles asuntos sobre os que ten competencia o Concello. Está integrado por representantes do grupo de goberno, membros dos distintos partidos políticos e por membros de cada unha das asociacións e entidades rexistradas no municipio. Esta tarde reunirase de novo para falar de distintas cuestións, entre as que destaca un adianto da proposta de orzamentos e as bases para a concesión de subvencións o ano que vén.

A xuntanza está marcada para as 19.30h. en primeira convocatoria e para as 20.00 en segunda. A orde do día arrancará cun resume do resultado das asembleas mantidas o mes pasado polas parroquias dentro do programa do orzamento participativo. De feito, está previsto que a representación do equipo de goberno dea conta dos investimentos que se van acometer e que describa as liñas estratéxicas da proposta de orzamento municipal para 2015.

Outro dos asuntos relevantes que se tratarán na sesión será o das bases para a concesión de subvencións a asociacións e entidades sen ánimo de lucro, que xa o ano pasado se modificaran a pedimento do Consello. Agora debaterase sobre se a solución adoptada daquela é a máis conveniente tanto para o Concello como para as entidades e sobre se cómpre ou non facer axustes nos criterios de distribución e xustificación. 

10 de decembro de 2014 | 17:53 • Sen comentarios

Comentarios pechados.