O conselleiro de Cultura e Educación visita as melloras realizadas no CEIP de Cedeira

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaRedondela
A-
A+
Vázquez Abad na visita á reforma

Vázquez Abad na visita á reforma

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, visitou esta mañá o CEIP de Cedeira (Redondela) tras os traballos realizados polo seu departamento para a reforma e ampliación do centro. As obras permitiron crear un comedor máis espazoso, axeitado ao número de comensais, e unha aula polivalente e de psicomotricidade. Así mesmo, realizáronse melloras no que atinxe aos aseos das aulas de infantil e de persoas con discapacidade, ampliouse o espazo exterior cuberto, mellorouse a accesibilidade do centro e dotouse á ANPA dun novo local.

Estes traballos súmanse aos realizados en anos anteriores para reformar a instalación eléctrica, o muro e a cuberta do CEIP. Deste xeito o investimento total da Consellería no centro desde 2009 ascende a máis de 162.000 euros, grazas ao que tamén se desenvolveu o pasado curso un contrato- programa na modalidade de Reforzo, Orientación e Apoio. Ademais, o CEIP de Cedeira está integrado no Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares desde o curso 2009/2010, polo que tamén recibe achegas específicas do departamento educativo da Xunta de Galicia.

Ao longo do seu percorrido polo centro o conselleiro estivo acompañado polo director do mesmo, Juan Luís Ferreiro; polo xefe territorial da Consellería na provincia, César Pérez; e mais por membros do equipo docente.

5 de decembro de 2014 | 17:21 • Sen comentarios

Comentarios pechados.