O Concello do Carballo lembra que a normativa prohibe as deposicións de cans na rúa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCarballo
A-
A+

O Concello de Carballo solicita aos veciños e veciñas que cumpran coa Ordenanza municipal reguladora da limpeza, salubridade e hixiene no termo municipal de Carballo e non deixen os excrementos dos seus cans nas rúas da vila. Así, segundo a norma “queda absolutamente prohibido que os propietarios ou posuidores de cans deixen as deposicións dos seus animais en parques infantís ou xardíns de uso frecuente por parte dos nenos, así coma nas beirarrúas e zonas de paso de peóns, e en xeral, en toda a vía pública”. Ademais “as deposicións que se produzan serán recollidas polos propietarios ou posuidores dos cans e colocaranse de maneira hixienicamente aceptable nos colectores de recollida de lixo”. Por último, “queda prohibido depositalos en papeleiras públicas ou nas entradas das cloacas da rede de sumidoiros”. Está previsto que a Policía Local intensifique nos próximos días os labores de inspección, ademais de controlar a documentación que deben posuír os propietarios de certos cans e impartir as sancións cando proceda. As infraccións polo incumprimento da normativa están clasificadas como leves e graves.

No primeiro caso, pasear un animal sen portar as bolsas ou recipientes para a recollida das súas dexeccións, ao ser requirido da súa exhibición polos funcionarios da inspección, e sen que se teña producido aínda a dexección do animal pode supoñer 50 euros. Infracción grave é deixar depositadas na vía pública as dexeccións dun animal, con 250 euros de sanción. A Ordenanza municipal reguladora da limpeza, salubridade e hixiene no termo municipal de Carballo ten por obxecto nun dos seus apartados establecer a normativa que regula as interrelacións entre as persoas e os animais domésticos, tanto os de convivencia humana, coma os utilizados con fins deportivos e lucrativos, facendo compatible a proveitosa utilización dos animais polos seres humanos, cos posibles riscos para a hixiene ambiental, a saúde e a seguridade de persoas, animais e bens. É no artigo número 82 da normativa onde se recollen especificamente as prohibicións existentes. Así, ademais da prohibición específica sobre as deposicións, as infraccións máis comúns refírense ao feito de levar un can solto, ou un perigoso sen bozo, faltas que tamén son de carácter leve. As infraccións graves e moi graves son responsabilidade da Consellería de Medio Ambiente e implican a negativa ou resistencia a subministrar datos ou facilitar a información requirida polas autoridades competentes ou os seus axentes, en orde ao cumprimento das funcións establecidas na Ordenanza, así coma o subministro de información inexacta ou de documentación falsa. Considerarase, así mesmo, coma infracción grave, a reincidencia en infracción leve. Considérase infracción moi grave a reincidencia en infracción grave. Nestes casos, as infraccións leves implican sancións de ata 250 euros; as graves de ata 1.200 euros; e as moi graves de ata 2.400.

A normativa ten como obxecto ter en conta tanto as molestias e perigos que poidan ocasionar os animais como o valor da súa compañía para un elevado número de persoas, tal como é o caso da axuda que poidan prestar polo seu adestramento e dedicación, como cans guía, os seus traballos de salvamento e todos os demais nos que os animais domésticos proporcionan aos humanos satisfaccións deportivas ou de recreo. O obxectivo do regulamento é acadar a convivencia de veciños e veciñas e as mascotas, polo que a Concellaría de Medio Ambiente roga o cumprimento da normativa, que pode consultarse nesta mesma nova.

6 de decembro de 2014 | 17:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.