O Concello de Vilagarcía repartirá 350 quilos de uvas e descorchará 400 botellas de cava para celebrar a chegada de 2015 ás 12 do mediodía
Arredor de 350 quilos de uvas, que encherán algo máis de cinco mil bolsas individuais, serán repartidos mañá, a partir das 11,30 horas, na xa tradicional Festa das Uvas, co que os vilagarciáns celebran a despedida do ano e a entrada no novo, pero ás 12,00 horas do mediodía, coincidindo así coas súas antípodas en ser dos primeiros en dar a benvida a 2015. Xunto coas bolsas de uvas, o Concello xa ten preparadas 400 botellas de cava, que serán descorchadas para o brinde colectivo. Para os máis pequenos se distribuirán arredor de 300 bolsas de lambetadas.
Como novidade respecto doutros anos, dende as 11,30 horas, cando comece a animación musical a cargo da Duendeneta, polo escenario da praza de Ravella irán pasando distintos personaxes relevantes de Vilagarcía no 2014, que felicitarán o ano a quen participe da festa. Entre eles, o cantante Lito, da orquestra Panorama, o tamén cantante Dani Barreiro, o futbolista Dani Abalo, un representante de Amigos de Galicia e outro do plantel de Lantero, que leva máis de dous meses en folga.
O animador da Duendeneta será o encargado de presentar e dirixir a festa, e de “preparar” aos presentes para o ensaio xeral da toma das uvas ao mediodía, cando o reloxo do Concello repique para facer soar as doce horas.
Para a organización da Festa das Uvas, a Concellería de Xuventude conta coa colaboración da cadea de supermercados Gadisa, da tenda de golosinas La Metro e das asociacións de comerciantes (Zona Aberta) e hostaleiros (Ahituvi).
A Festa conta tamén coa colaboración da agrupación local de Protección Civil e dos membros da asociación xuvenil A Trincadeira que, xunto co monitores da Academia Elisa e dos seus alumnos do curso de Monitor de Tempo libre organizado por Xuventude, serán os que se encarguen de despachar uvas e cava entre os asistentes.











