O Concello de Vilagarcía ordena a retirada dunha valla publicitaria instalada sen permiso na rúa San Roque
O departamento de disciplina urbanística do Concello vén de iniciar un expediente de reposición da legalidade en relación á valla publicitaria instalada dende hai uns días na rúa San Roque, nas inmediacións da estación de servizo. O panel de grandes dimensións, carece de licencia municipal de instalación e tampouco consta solicitude algunha no Concello, polo que se se requirirá a inmediata retirada do mesmo á empresa responsable.
A valla publicitaria en cuestión foi colocada sen permiso municipal na isleta verde situada ao carón da estación de servizo. Trátase de terreo público que ademais está cualificado no Plan Xeral de Ordenación Municipal como “espazo libre” polo que a súa situación tampouco é legalizable aínda que a empresa responsable pretendera tramitar agora a licenza municipal de instalación.
En vista desta situación irregular e de queixas veciñais recibidas no Concello, o departamento de Urbanismo iniciou o correspondente expediente de reposición da legalidade. Segundo o informe policial, a valla figura a nome dunha empresa publicitaria con sede en Madrid, á cuxa delegación de Vigo se lle remitirá o requirimento ordenando a inmediata retirada don panel. En caso de non atender o requirimento, o Concello poderá impoñer multas coercitivas ou proceder á retirada da valla con medios propios pasándolle as costas á empresa titular.











