O Concello de Teo organiza nos colexios sesións de deporte en igualdade con xogadoras de fútbol do Cacheiras

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaTeo
A-
A+

Esta mañá un grupo de xogadoras de fútbol da SD Cacheiras demostráronlle ao alumnado de 6º de primaria do CEIP da Ramallosa que o deporte non entende de xéneros. Trátase dunha iniciativa impulsada dende a área de Igualdade municipal, dirixida por Ignacio Iglesias, que quere que os/as escolares se esquezan dos prexuízos ó redor do mundo do deporte. E para eso un grupo de deportistas estiveron cos nenos e nenas para falar sobre a súa experiencia no campo.

“E para conseguir romper cos prexuízos resulta imprescindible dotalos de referentes, e as xogadoras do Cacheiras son un referente, deportistas dun clube que coñecen e co que se poden identificar” explica o edil. Esta actividade realizouse en coordinación co mestre de ximnasia. Dende Igualdade agardan poder realizalo nos outros centros escolares teenses en vindeiras datas.

Na sesión desta mañá un grupo de cinco xogadoras parolaron cos/as nenos e nenas de 6º sobre a súa experiencia e escoitaron algunhas das súas dúbidas e preguntas. Pero sen dúbida a parte máis positiva foi cando lles deron a oportunidade de saltar ao campo para enfrontarse en pachangas e por grupos coas xogadoras. Nese momento comezaron a animarse tanto rapaces como rapazas e viron dun xeito práctico que mulleres e homes poden practicar fútbol ou calquera outro deporte.

11 de decembro de 2014 | 19:16 • Sen comentarios

Comentarios pechados.