O Concello de Pontevedra inicia a mellora da rúa Monte do Taco por máis de 80.000 euros
O Concello iniciou nestes días o proxecto de mellora da rúa Monte do Taco, situada entre a desembocadura do río Gafos e a avenida Rosalía de Castro, logo da rúa Ramón Peña. Trátase dunha actuación incluída dentro programa +Boavila, e que foi visitada esta mañá polas concelleiras Carmen Fouces, responsábel do barrio de Campolongo e Anxos Riveiro.
O Monte do Taco é un espazo de encontro de veciños da zona que precisaba unha actuación para mellorar a súa imaxe e reordenar os usos dos espazos.
O proxecto supón un investimento de 60.000 euros en obras de xardinería, reordenación de estacionamentos e mobiliario urbano, ademais de 24.000 euros máis para reemplazar todas as luminarias actuais e substituílas por leds, ao igual que se está a facer noutros barrios e parroquias do concello.
A actuación estase a realizar na traseira dos edificios da rúa Monte do Taco así como na parte alta da rúa. É un proxecto de reforma integral da xardinería, instalaranse varandas así como algo de mobiliario, ademais de recuperar o existente a petición dos veciños.
Tamén está prevista a reordenación do estacionamento coa creación dunha pequena glorieta que permita dar saída e entrada aos vehículos sen causar perigo para os peóns. Está incluída a instalación de nova sinalización horizontal e vertical.
A concelleira Carmen Fouces tamén anunciou que de cara ao vindeiro ano, ten en carteira abordar o adecentamento dos xardíns que hai diante das casas sindicais na parte baixa da rúa Monte do Taco (xunto á desembocadura do Gafos). Logo de definir a propiedade destas pequenas zonas verdes, e concluír que é propiedade municipal, está previsto acometer un pequeno proxecto de mellora dos xardíns que disporán de nova iluminación e mobiliario urbano.











