O Concello de Pontevedra apoia aos mexilloneiros que piden a identificación da orixe do molusco envasado
Unha Xunta de Goberno Local extraordinaria deu o seu apoio esta mañá ao sector bateeiro de mexillón galego que esixe a correcta etiquetaxe do molusco transformado, para evitar a actual “estafa” ao consumidor que se vende como mexillón galego aquel que non o é.
Os mexilloneiros explican que o novo regulamento da organización común de mercados de pesca e da acuicultura, que entra en vigor o próximo 13 de decembro, “permite ocultar a orixe do mexillón procedente de terceiros países transformado ou en conserva, prexudica ao consumidor nos seus dereitos e intereses, favorece ás empresas que comercializan mexillón foráneo ocultando información en claro prexuízo das empresas que procesan mexillón cultivado en Galicia, o que repercute directa e negativamente no emprego e no sector primario, e consecuentemente na economía costeira e ás familias”.
O alcalde Miguel Anxo Fernández Lores mantivo esta mesma mañá un encontro con representantes do sector bateeiro de Galiza que lle explicaron a súa problemática. O rexedor indicou que esta práctica habitual vai en detrimento da calidade, supón un engano ao consumidor e só favorece ás multinacionais.
Segundo ao alcalde “trátase dunha nova agresión da Unión Europea aos intereses galegos”, neste caso ao sector do mexillón que emprega a unhas 30.000 persoas, e é unha peza fundamental do sector primario de Galiza. Galiza era a primeira productora deste bivalvo do mundo no ano 85 cando se incorporou á Unión Europea.
No acordo da Xunta de Goberno desta mañá faise un apoio expreso á Asociación de mexilloeiros de Galicia, e ínstase á Consellería de Pesca a defender os intereses do sector ante a Unión Europea.











