publicidade hoxe

O Concello de Ponte Caldelas acometerá a pavimentación do camiño entre Aluncía e Vilarchán

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPonte Caldelas
A-
A+

O alcalde de Ponte Caldelas Perfecto Rodríguez anunciou que a actuación que o Concello incluirá no Plan Marco da Consellería de Medio Rural para a mellora de viarias municipais, será o pavimentado do camiño que une o lugar de Aluncía (da parroquia de Xustáns) con Vilarchán. A Xunta de Goberno Local aprobou o proxecto que ascende a 76.185 euros e a súa inclusión no citado Plan de Obras.

Trátase dun viario de 1,5 quilómetros de lonxitude que comunica estes dous lugares e por tanto tamén as parroquias de Xustáns e Tourón pola zona do monte.

Este viario foi reparado recentemente tapando con zahorra os surcos e buracos que as choivas provocan todos os invernos, e agora o alcalde pretende mellorar a capa de rodaxe cun asfaltado que evite a súa deterioración durante os invernos, garantindo así que teña un firme en bo estado durante todo o ano.

Os veciños de Aluncía solicitáronlle esta actuación ao alcalde nos últimos anos, pero até agora non puidera afrontarse polo seu elevado orzamento. Agora o Programa Marco que a Xunta de Galicia a través da Consellería de Medio Rural aprobou para os concellos de Galicia para mellorar camiños municipais, permite ao alcalde dispor dunha contía de 62.964 euros, que é suficiente para acometer esta obra. O Concello a maiores achegará con fondos propios a cantidade correspondente ao IVE, sumando todo 76.185 euros.

A actuación contempla unha base de firme con pedra de 10 centímetros de espesor estendida e compactada, e posteriormente a capa de rodaxe con tratamento de tripla rega asfáltico selado e compactado.

A idea do alcalde é que esa obra poida realizarse na próxima primavera.

12 de decembro de 2014 | 19:05 • Sen comentarios

Comentarios pechados.