O Concello de Ourense aproba tres convenios de apoio a actividade que desenvolven Cáritas, AFAOR e Federación de ANPAS
A Xunta de Goberno Local do Concello de Ourense aprobou na súa sesión desta mañá tres convenios de colaboración, cos que o Concello dará apoio á actividade que desenvolven na cidade as entidades Cáritas Diocesana, AFAOR e Federación de Asociacións de Nais e Pais públicas.
A aprobación, en Xunta de Goberno Local do pasado día 14 de novembro, dos orzamentos do Concello permite aprobar e asinar agora estes convenios, que contan con partidas específicas para o seu financiamento no novo orzamento municipal.
No caso de Cáritas, o convenio de colaboración entre o Concello de Ourense e esta entidade de iniciativa social ten como finalidade dar apoio ao servizo de comedor social na cidade de Ourense. Un servizo que Cáritas presta a persoas e familias en situación de emerxencia social de especial vulnerabilidade. O Concello de Ourense destinará unha achega de 86.250 euros a este servizo.
Na mesma sesión, tamén a proposta da Concellería de Benestar Social, a Xunta Local aprobou o convenio de colaboración entre o Concello de Ourense e a asociación de familiares de enfermos de Alzheimer de Ourense – AFAOR. Neste caso, o Concello, concederá unha subvención de 22.219,07 euros a esta entidade, dirixida ás actividades e programas que desenvolve para dar apoio a enfermos/as e ás súas familias coa finalidade de mellorar a súa calidade de vida e integración social
Federación provincial de ANPAS Públicas
Tamén esta mañá, a proposta da Concellería de Educación, aprobouse o convenio de colaboración entre o Concello e a Federación de Asociacións de Nais e Pais Públicas (FANPA). O convenio ten como finalidade apoiar o mantemento de servizos educativos complementarios de acollida temperá e comedores escolares nos centros de educación infantil e primaria do Concello de Ourense xestinados pola federación de ANPAS, para dar resposta ás necesidades de conciliación da vida laboral e familiar e de formación complementaria do alumnado. O Concello de Ourense destinará a este convenio unha achega económica de 95.108,88 euros.











