O Concello de Mos ultima o proxecto da terceira Escola Infantil do municipio
A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, deu conta durante o punto de comunicacións de Alcaldía incluído na orde do día do Pleno orinario da Corporación Municipal do presente mes de decembro, de que o proxecto da nova Escola Infantil de Mos, que será xa a terceira no municipio, atópase moi avanzado e prevese que lle sexa presentado á conselleira de Traballo e Benestar ó longo do mes que ven. A rexedora local amosaba na última sesión plenaria do ano a maqueta da nova edificación, que se trata dunha escola infantil de seis unidades, cunha superficie útil de 600 metros cadrados, situada no núcleo rural de Veigadaña, nunha das parcelas dispostas polo Parque Empresarial Mos-Veigadaña para equipamento público.
Como xa se anunciara durante o pasado verán, Arévalo solicitáralle á conselleira Beatriz Mato que nos presupostos da consellería para o vindeiro ano 2015 se incluíra unha nova Escola Infantil para Mos, solicitude que foi atendida dende a consellería de Traballo e Benestar e a terceira Escola Infantil da localidade mosense será unha realidade. A alcaldesa de Mos explica neste sentido que “a necesidade dunha nova gardería era de vital importancia, dada a enorme demanda de prazas, demanda que ademais crece cada ano, e motivo polo cal a día de hoxe temos máis de 50 nenos e nenas en lista de espera para matricularse nas dúas Escolas Infantís existentes: Porteliña e Cototorrón”, declarou Nidia Arévalo.
Dada a gran demanda de prazas de gardería que aumenta anualmente de xeito substancial, a nova Escola Infantil que se construirá en Mos será do formato de seis módulos, que é o máis grande de entre os existentes. “Deste xeito evitarase ter futuros novos problemas de lista de espera e ter que ampliar os edificios ou construír outros novos de cara a cubrir a demanda existente”, argumenta a rexedora local mosense.
O proxecto da nova Escola Infantil en Veigadaña configúrase cunha xeometría circular, optimizando a superficie e o aproveitamento da luz solar do edificio. Para formular a disposición dos distintos elementos, realizouse un estudo das orientacións da parcela, de modo que a zona de aulas disponse na parte sur e oeste, recibindo a máxima achega solar, mentres que a zona de servizos disponse na parte norte.
O patio de xogos situarase no centro do volume, protexido do exterior, poderá divisarse dende o interior da gardería, facilitando o coidado dos alumnos e alumnas. Dispóñense ademais diferentes espazos libres interiores para a realización de actividades de ocio.
Formúlase a utilización de sistemas de xeración de enerxía pasivos, tratando de adaptar o deseño do edificio aos estándares de sostibilidade. O proxecto pretende xerar un espazo interior de calidade no que alumnos e profesores poidan desenvolverse e gozar do proceso de aprendizaxe, unha actividade fundamental en idades tan temperás.
O proxecto está a ser realizado polos arquitectos Juan Ignacio Prieto López, Faustino Patiño Cambeiro e Estefanía Grandal Leirós; esta última é ademais unha novísima profesional veciña de Mos, que fará unha contribución de gran relevancia ó seu Concello con esta innovadora construcción de importantísima función social.











