O Concello de Mos recolle bocados de felicidade para repartir entre os máis necesitados

Recollida de alimentos
Concello, asociacións, centros educativos, particulares e empresas aunan esforzos un Nadal máis e promoven unhas festas solidarias cheas de actividades e iniciativas coas que poder axudar ás persoas máis desfavorecidas do municipio mosense.
Son tres fundamentalmente os eventos que protagonizan o Nadal Solidario do Concello de Mos: a recollida municipal de alimentos, o festival solidario Un Nadal para Todos e a acción propia de recollida de comida por parte do Club de Leones de Mos no supermercado Gadis.
A recollida municipal de alimentos que dende as concellerías de Participación Cidadá e Benestar Social se organiza con motivo do Nadal pretende favorecer nestas datas tan sinaladas ás familias mosenses desfavorecidas que están a pasar necesidades por mor da situación económica actual, que segue a ser complicada.
Respecto desta iniciativa as concelleiras responsables da mesma, Kely Monzón e Sara Cebreiro explicarom que “decidimos poñer en marcha novamente esta campaña solidaria tendo en conta o éxito obtido o ano pasado”. A campaña de recollida realízase en colaboración co Club de Leones de Mos e perseque o obxectivo de conseguir a sensibilización de toda a comunidade, ante a difícil situación económica pola que están atravesando moitas familias do municipio mosense, aportando un grao de area nestas datas tan sinaladas, repartindo alimentos típicos destas festas. Ambas concellerías, en colaboración coa asociación Club de Leones, únense para acadar un mellor resultado nesta iniciativa social.
“Con este programa trátase de garantir as necesidades básicas, en materia de alimentación, (ao longo destas festas), de todas aquelas familias veciñas de Mos con escasos ingresos económicos, unha cifra que lamentablemente, coa situación de crise que vivimos, é cada vez maior”, explicaron as edís.
Ademais de aportar alimentos, os interesados en colaborar con esta campaña poden facelo tamén como voluntarios/as para axudar na clasificación e elaboración dos paquetes. Os voluntarios deberán ser maiores de idade e inscribirse no departamento de Participación Cidadá do Concello de Mos (Auditorio Multiusos).
Os beneficiarios desta iniciativa serán as familias necesitadas do Concello de Mos en situación de emerxencia social (atendidas pola Asociación Club de Leones ou Servizos Sociais municipais) ou que nos sexan usuarios de ambos servizos pero que estean nunha situación económica difícil.
A comunidade veciñal que desexe facer unha aportación de alimentos típicos destas festas poderá depositalos nos seguintes lugares habilitados para tal fin: ata o 15 de decembro nos centros educativos de Mos (Colexios e Escolas Infantís) ou ata o 16 de decembro no departamento de Participación Cidadá do Concello (edificio Multiusos), en horario de 9.00 horas a 14.00 horas.
Posteriormente os alimentos levaranse á sede da Asociación Club de Leones onde se procederá ao seu clasificado e a elaboración dos paquetes. O día 16 de decembro procederase á clasificación dos alimentos na sede do Club de Leones.
O día 18 de decembro ás 18.00 horas procederase á “Entrega solidaria” dos alimentos ás familias necesitadas de Mos, supervisado o listado polo departamento de Servizos Sociais do Concello, na sede da asociación Club de Leones. Tamén se lles entregará as familias que aínda que non reciban atención do departamento de Servizos Sociais, si se comunica que a súa situación económica é crítica.
Para esta campaña solicitouse tamén a colaboración dos supermercados (grandes superficies) do Concello e das empresas distribuidoras de alimentos.
Sen ir máis lonxe o vindeiro sábado, día 13 de decembro, ó longo de todo o día, voluntarios do Club de Leones de Mos permanecerán no supermercado Gadis de Sanguiñeda para que os clientes e clientas que así o desexen poidan realizar o seu donativo en forma de alimento.
Concerto Un Nadal para Todos
Por último, tamén o sábado 13 de decembro, terá lugar no auditorio do Multiusos das Pozas a partir das 20.00 horas o Festival Solidario Un Nadal para Todos, no que se sucederán os concertos do gaiteiro mosense Xulio Lorenzo e amigos, e realizarase unha recollida de alimentos non perecedoiros dos que poderán disfrutar os máis desfavorecidos durante as vindeiras datas de Nadal. Ademais de Lorenzo actuarán o sábado Donicelas, Arume, Marta Quintana, Chavellos e o Mago Marco.











