O Concello de Mos mellora o firme da Estrada Pereiras-Tameiga con cargo ao PUSIM 2014

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMos
A-
A+
Visita da alcaldesa ás obras

Visita da alcaldesa ás obras

A Estrada Pereiras-Tameiga está a ser obxecto dunha obra de mellora do firme subvencionada pola Deputación de Pontevedra e incluída no PUSIM 2014, Plan Urxente de Mantemento de Servizos e Infraestruturas Municipais.

Os traballos de pavimentado, que contan cun orzamento de 77.500 euros, foron supervisados onte pola tarde pola alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, o concelleiro de Vías e Obras, Alberto Méndez, e o edil de Alumeado mosense, Luis Alonso.

A Estrada Pereiras-Tameiga é un dos principais viais do municipio, que vertebra as comunicacións viarias dentro das fronteiras do Concello e transcorre polas parroquias mosenses de Tameiga, Sanguiñeda e Pereiras.

Previamente a este asfaltado–e para non ter logo que deteriorar o vial mellorado co novo firme- o Concello de Mos acometeu o saneamento na zona de Ansar, parroquia de Sanguiñeda (por onde pasa a devandita estrada); obra na que a administración local investiu 20.000 euros de fondos propios. Este tramo de rede de saneamento en Ansar quedou listo, deste xeito, para unha apliación futura.

Neste sentido contémplase o traballo con previsión realizado polo Concello de Mos. Esta administración local trata sempre de coordinar, conxuntamente entre as concellerías de Vías e Obras que dirixe o edil Alberto Méndez e a de Saneamento e Abastecemento que dirixe Camilo Augusto, as obras de execución da rede de saneamento nas zonas que carecen del e van a ser asfaltadas, para non ter que deteriorar logo o novo asfaltado para instalar a rede de alcantarillado.

Detalles da obra

A actuación levada a cabo na Estrada Pereiras-Tameiga consiste na limpeza de marxes e cunetas en toda a lonxitude do vial e na pavimentación cunha capa de rodadura de 5 centímetros de espesor de asfalto bituminoso. Tamén se fará un recrecido das tapas existentes na estrada, dando así por rematada a actuación.

O tramo de asfaltado abarca dende a capela de San Eleuterio ata o núcleo de Candosa, pasando polos núcleos de Laxe, Pedraucha, Ansar e mellorando tamén o tramo de Cerqueirás-Quiringosta e as proximidades da capela de San Rafael. A lonxitude total a asfaltar ascende a preto de 3 kilómetros de vía de 5 metros de ancho, resultando unha superficie total mellorada duns 15.000 metros cadrados. 

5 de decembro de 2014 | 18:39 • Sen comentarios

Comentarios pechados.