O Concello de Mos conmemora o Día da Discapacidade achegando este colectivo aos cativos

Actividade de zumba en Mos
A concellería de Educación e Participación Cidadá mosense que dirixe a edil Kely Monzón organizou, con motivo do Día Internacional das Persoas con Discapacidade que se celebra hoxe, dúas actividades diferentes co alumnado de tres colexios públicos do Concello de Mos, consistentes nunha clase de Zumba impartida polas usuarias das Escravas da Virxe Dolorosa e uns obradoiros de integración co título ‘Xuntos somos máis capaces’ realizados en colaboración con ACEESCA. Ambas iniciativas perseguen o obxectivo da integración das persoas con discapacidade do municipio fomentando a inclusión social mediante unhas horas de convivencia cos seus veciños e veciñas de menor idade: os cativos alumnos dos centros educativos da localidade mosense.
Unha das actividades celebradas esta mañá, organizada en colaboración entre o Centro das Esclavas da Virxe Dolorosa e o Concello de Mos, consistiu nunha clase de Zumba conxunta entre as usuarias do centro e dous grupos de alumnos de 5º e 6º cursos de Educación Primaria do CEIP de Petelos, e foi impartida nas instalacións do colexio.
Por outra banda tamén hoxe, aínda que a iniciativa continuará a semana que ven (cos alumnos do Colexio Mestre Martínez Alonso de Castro-Mos), as instalacións de ACEESCA acolleron ó alumnado de 1º curso de Primaria do CEIP de Atín para realizar varias tarefas en conxunto cos usuarios da asociación. Os obradoiros de integración en ACEESCA, co título ‘Xuntos somos máis capaces’, consisten na iniciativa ‘Libretiñas viaxeiras’, o conto sensorial ‘Os tres posquiños’ e un taller de manualidades navideñas.
Respecto destes obradoiros en ACEESCA a concelleira Monzón declaraba que “consideramos esta actividade especialmente enriquecedora para os/as cativos/as, xa que nela se facilita o encontro e o traballo nun espazo común con persoas que posúen necesidades moi diversas. Trabállanse aspectos como a autoestima, a autonomía persoal, o desenrolo do inxenio e a creatividade, habilidades psicomotrices, etc. pero principalmente, desenrólanse habilidades de convivencia, valores de respecto e igualdade, aprendendo a valorar as potencialidades de cada un e a eliminar as barreiras que en moitas ocasións creamos nós mesmos”, explicou a concelleira.
O taller ‘Libretiñas viaxeiras’ consiste en compartir unha experiencia de traballo conxunta, na que cada neno/a elabora co apoio dunha persoa usuaria de ACEESCA a súa propia libretiña. Esta proposta axuda ás persoas de ACEESCA a interactuar cos/as pequenos, á vez que achega ós escolares á realidade das persoas con discapacidade intelectual, que cos apoios necesarios, se converten por un día nos seus mestres.
A segunda actividade, o conto sensorial ‘Os tres porquiños’, é tamén representado polos usuarios/as de ACEESCA, que ademais participan cos estudiantes dos colexios de Atín e Castro-Mos no taller de manualidades navideñas.











