O Concello de Lugo pon en marcha os trámites para variar o mapa da cidade coa integración en Pías do lugar do Curutelo
O Goberno local tomou hoxe un acordo que supón o inicio dos trámites para modificar o mapa de Lugo no límite entre as parroquias de San Xoán de Tirimol e San Vicente de Pías. A Xunta de Goberno aprobou esta mañá inicialmente esa modificación de xeito que o lugar de Curutelo pasará a incorporarse a Pías, segundo informou o Voceiro do Equipo de Goberno e Concelleiro de Urbanismo e Medio Ambiente, Luis Álvarez.
O Voceiro do Goberno local aproveitou a súa comparecencia, na rolda de prensa na que informou dos acordos adoptados polo Equipo de Goberno, para transmitir o pésame do Concello ó Subdelegado do Goberno na provincia de Lugo, Ramón Carballo, polo pasamento da súa dona.
Por outra parte, Luis Álvarez destacou que, pese as festas de Nadal, o Concello mantén o seu ritmo de traballo xa que, ademais da xuntanza semanal do Goberno celebrada este venres, o vindeiro luns, día 29, o Pleno da Corporación reunirase para debater, entre outros asuntos, o proxecto de Orzamentos municipais para 2015.
O Voceiro do Goberno local manifestou que “aspiramos a que a oposición os apoie, pero, no caso de que non poida ser así, o martes, día 30, celebraríamos unha Xunta de Goberno extraordinaria para aprobalos xa que ésta é unha posibilidade que permite o novo marco lexislativo das administracións locais”.
Luis Álvarez tamén chamou a atención sobre as paradoxas nas que incorre o Voceiro do Partido Popular, Jaime Castiñeira, na súa crítica ó proxecto de Orzamentos, xa que censura o aumento no gasto corrente pero esquece e non discute o incremento en 700.000 euros na factura que se ve obrigado a pagar o Concello de Lugo a Sogama trala suba unilateral das súas tarifas. Do mesmo xeito, Álvarez explicou que Castiñeira critica que diminúan os gastos en persoal cando foi o Goberno do PP quen estableceu recortes no rexime retributivo do persoal municipal e impide, ademais, a contratación de novos traballadores polo Concello.
“Está a facer méritos para ver se pode ocupar o cargo de Raquel Arias, que loita con Elena Candia por ser candidata á Deputación, xa que Castiñeira parece ter desbotado a posibilidade de contar con ningunha opción de chegar á Alcaldía de Lugo”, explicou Luis Álvarez, quen razonou que “o portavoz do PP no Concello de Lugo, desvívese por darlle o seu apoio á Xunta porque está adicado a outra cousa que non é Lugo nin o Concello”.
Para o Voceiro do Goberno local sería comprensible que o papel de Castiñeira sexa “facer críticas, pero o problema é que ten un comportamento errático que o leva a liarse él só, como quedou en evidencia a semana pasada coa súa postura respecto dos servizos que Lugo reclama para o HULA”.
Cambio de límites
A Xunta de Goberno, que celebrou a súa xuntanza semanal este venres dadas as festividades de Nadal, deulle o visto e prace inicial á modificación dos límites das parroquias de San Xoan de Tirimol e San Vicente de Pías segundo os planos que foron informados favorablemente polo Servizo de Topografía municipal. O expedente sométese agora a información pública por un período de 30 días mediante a súa publicación no BOP e no Taboleiro de edictos municipal e, ademais, dase traslado do acordo ós propietarios e propietarias das vivendas afectadas polo cambio de delimitación e ás Asociacións de Veciños de San Xoan de Tirimol e San Vicente de Pías para que formulen alegacións no prazo de 15 días a partir da notificación.
Outros acordos
Luis Álvarez tamén deu conta do acordo adoptado pola Xunta de Goberno para a licitación, polo procedemento aberto, da docencia especializada do curso de Impresión Dixital, correspondente ó proxecto Lugo Emprego Activo 2, que se reserva a Centros Especiais de Emprego. A docencia será para 320 horas e o número de alumnos participantes, 15. O presuposto é de 11.200 euros, IVE incluído.
As 9 accións formativas que se inclúen nesta fase do proxecto Lugo Emprego Activo 2 teñen un presuposto total de 72.150 euros, IVE incluído, e beneficiaranse delas 135 persoas desempregadas. Lugo Emprego Activo 2 é un proxecto para a formación de persoas desempregadas que está cofinanciado nun 80% pola Unión Europea, a través do Fondo Social Europeo.
A Xunta de Goberno Local aprobou tamén a prórroga por un ano, ata decembro de 2015, do contrato para a prestación do servizo de mantemento e conservación integral das áreas de xogos infantís existentes nos parques, xardíns e zonas verdes públicas municipais. Ésta é a primeira das dúas prórrogas posibles e faise cun presuposto de 51.906 euros, IVE incluído.
En materia de persoal, a Xunta de Goberno autorizou a modificación do tribunal cualificador do proceso selectivo para o acceso en propiedade a unha praza de Enxeñeiro/a técnico/a industrial pertencente ó cadro de persoal funcionario do Concello, en quenda de consolidación de emprego temporal. Este cambio obedece a necesidade de substituir un vogal suplente por incompatibilidade dada a súa relación de parentesco con dous aspirantes e para o seu lugar foi designado, a petición do Concello, un funcionario da Xunta.











