O Concello de Lugo decide optar pola xestión directa do ciclo da auga
O Voceiro do Goberno local e Concelleiro de Urbanismo e Medio Ambiente, Luis Álvarez, informou de que esta mañá tivo lugar unha reunión da Comisión técnica do ciclo da auga constituída polo Concello de Lugo para decidir sobre o novo modelo de xestión unha vez que a nova Lei de administracións locais fixo inviable a creación da Empresa mixta da auga.
Luis Álvarez lembrou que “as modificacións legais introducidas polo Goberno central fixeron imposible poñer en marcha, como tiñamos decidido, o modelo de economía mixta”.
Como consecuencia delo, explicou Luis Álvarez, e logo dos estudos elaborados polos distintos servizos municipais, na xuntanza de hoxe “adoptouse a decisión de que o modelo que vai seguir o Concello de Lugo será o de xestión directa pola propia Administración municipal fronte a outra opción, como sería o modelo de concesión que suporía unha xestión indirecta”.
Álvarez destacou que “o Goberno municipal propuxo esta decisión porque, con ela, mantemos o control por parte do Concello de todo o que se refire á xestión do ciclo da auga”.











