O Concello de Lalín acometerá cunha axuda da Rede Natura o cercado do Agro da Portela
Os concelleiros José Antonio Rodríguez (Turismo), Antonio Rodríguez (Infraestruturas Rurais) e Sara Fernández (delegada de zona) desprazáronse esta mañá á parroquia de Zobra onde mantiveron un encontro con representantes da Comunidade de Montes, a quen agradeceron a súa colaboración
José Antonio Rodríguez Fernández, Antonio Rodríguez Rodríguez e Sara Fernández Arca, concelleiros de Turismo, de Infraestruturas Rurais e delegada de zona, respectivamente, desprazáronse esta mañá a Zobra onde mantiveron un encontro con representantes da Comunidade de Montes de Zobra para tratar diversos asuntos vinculados á dita parroquia, principalmente que teñen que ver con aspectos turísticos e tamén co cerre do Agro da Portela, que levará adiante o Concello cunha axuda que lle foi concedida dentro da orde de axudas para municipios incluídos na Rede Natura 2000.
O edil de Turismo explicoulles aos membros da Comunidade de Montes, a quen lle agradeceu a súa colaboración, que na páxina web do Concello xa está habilitado o “sendeiro de Zobra” (http://www.lalin.org/concellerias/turismo/rutas/ape/sendeiro-de-zobra) onde se poden atopar todo tipo de recursos e anuncioulles que “se vai iniciar o expediente para poder homologar o sendeiro na Federación Galega de Montañismo como un PR-G (pequeno percorrido galego) para o que proximamente concertarase unha visita cun técnico da antedita Federación para coñecer os detalles do proxecto e ver se se pode acometer”. Rodríguez Fernández tamén lles adiantou que “se colocarán en Zobra paneis de sinaléctica como os existentes xa no Camiño de Santiago”.
CERCADO DO AGRO DA PORTELA CUNHA AXUDA DA REDE NATURA
Pola súa parte, o edil de Obras, Antonio Rodríguez comunicoulle que o Concello de Lalín realizará cunha axuda concedida ao abeiro da orde de municipios incluídos na Rede Natura 2000 (orde do 28 de xullo de 2014 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas a actividades, actuacións ou medidas de concellos incluídos na Rede Natura 2000 e a súa convocatoria para os anos 2014 e 2015, cofinanciada co Feader) o cercado do Agro con postes de madeira e malla cinexética para protexer dos ataques dos xabaríns esta zona protexida por ser parte da Rede Natura.
Rodríguez Rodríguez precisa que “a actuación consiste no cercado dunha zona de cultivos dos veciños da zona da Portela (Zobra) dunha superficie aproximada de 38.000 m2 e de 902 metros de lonxitude”. “Trátase de construír unha cerca perimetral con malla metálica e postes de madeira para preservar os cultivos do ataque do xabarín, xa que esta zona conta con moito espazo de carballeiras e fragas que lle serven de refuxio”.
“Deste xeito, remarca o edil, preténdese preservar unha zona de cultivo dunhas 4 hectáreas, rodeadas de vallado de malla metálica de 900 metros de lonxitude”. O importe da axuda para levar adiante esta actuación en Rede Natura ten un importe total de 14.060,42 euros IVE incluído en dúas anualidades e o comezo das actuacións será de inmediato, afirma o edil de Obras.
Na súa visita a Zobra os edís de Turismo e de Obras, acompañados da concelleira delegada de zona, desprazáronse, acompañados dos integrantes da Comunidade de Montes de Zobra, ata o lugar do Agro da Portela onde se levará adiante o vallado con postes de madeira e a instalación da malla cinexética.











