O Concello de Ferrol atende a 15 persoas a través do programa “Xantar na casa”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+

A Concellería de Benestar Social do Concello de Ferrol, que dirixe Rosa Martínez Beceiro, fixo balance do programa “Xantar na Casa”, que se desenvolve grazas ao convenio asinado co Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e de Benestar. Un total de 15 usuarios se benefician deste servizo municipal de atención alimentaria no domicilio que pretende facilitar e garantir unha alimentación equilibrada e de calidade adaptada ás necesidades de persoas maiores e/ou dependentes, con déficits de autonomía persoal para cubrir as súas necesidades básicas relacionadas coa compra ou elaboración de menús.

Martínez Beceiro destacou que este tipo de recurso, en moitos casos, é un servizo complementario a outros que tamén coordina a Concellería de Benestar Social, como son o de Axuda no Fogar e Teleasistencia. “Preténdese que as persoas maiores ou dependentes poidan seguir vivindo nos seus fogares o maior tempo posible e cun nivel de independencia e autonomía persoal aceptable”, sinalou a responsable das políticas sociais do Concello de Ferrol. Os menús son completos e equilibrados, variados e adaptados as necesidades segundo as dietas dos beneficiarios do servizo, xa que a maioría das persoas teñen que seguir unha alimentación específica. Este tipo de servizo de atención alimentaria no domicilio precisa que os usuarios dispoñan de microondas e frigorífico. No caso de que non teñan estes electrodomésticos son facilitados en réxime de depósito e tamén un servizo técnico de asesoramento de uso e de mantemento dos mesmos. “O programa mellora a situación de soidade das persoas da nosa cidade que teñen problemas para saír da casa e que tampouco poden ser usuarios dos nosos comedores sénior”, engadiu Martínez Beceiro.

Usuarios do servizo

As persoas beneficiarias desta proposta deberán estar empadroadas no termo municipal e responder a algún destes perfís: persoas maiores de 60 anos, que teñan limitada a súa capacidade de autonomía persoal e sen rede de apoio que puidera suplir tal situación; persoas dependentes, que carezan de apoio familiar, e que requiren de axuda para a preparación de alimentos; persoas menores de 60 anos en situación de exclusión social, tecnicamente avaliada. A valoración das persoas beneficiarias é realizada polo persoal técnico da Concellería de Benestar Social do Concello de Ferrol. As 15 prazas dispoñibles para este servizo de atención alimentaria no domicilio están sempre cubertas, “xa que no momento que houbo baixas por falecementos ou algún ingreso residencial, sempre temos persoas que solicitan este programa”, apuntou a edil Rosa Martínez.

Actualmente, das 15 persoas beneficiarias do programa “Xantar na Casa”, 9 son homes e 6 mulleres con dependencia. Ademais, dous dos varóns atópanse en risco de exclusión social, tres teñen unha discapacidade psíquica e outro deles sensorial; e das mulleres unha está en risco de exclusión social.

9 de decembro de 2014 | 13:04 • Sen comentarios

Comentarios pechados.