O Concello de Fene organiza un novo Faladoiro de Saúde sobre consumo responsable de fármacos
O Concello de Fene invita a veciños e veciñas a participar mañá mércores nun novo Faladoiro de Saúde. Neste caso, a actividade contará coa colaboración de Asfedro, xa que será o farmacéutico da entidade, Juan Santalla López, o ponente da charla. Titularáse “Consumo responsable de fármacos” e terá lugar no local da Liga de Amigos de Barallobre (R/Santiago, 43-44, Barallobre). O faladoiro dará comezo ás seis da tarde e a participación é completamente gratuíta. Así mesmo, os asistentes poderán expor as súas dúbidas e realizar as súas consultas.
Este obradoiro ten como obxectivo informar e concienciar á poboación en xeral dos riscos asociados ao consumo abusivo de fármacos e a práctica arriscada de automedicación. Faladoiros de Saúde é un programa impulsado pola Concellería de Servizos Sociais que dirixe a concelleira Juana Barro e conta coa colaboración da Xunta, a través da Consellería de Sanidade.











