O Concello de Fene convida a “Cantar con María Fumaça” este domingo
O Concello de Fene invita a nenos e maiores a cantar este domingo con “María Fumaça”, un proxecto musical de celebración da vida coa dirección da cantante Uxía e Santiago Cribeiro e Héctor Lorenzo ao acordeón e á guitarra e voz, respectivamente. O espectáculo programado pola Concellería de Cultura que dirixe Rocío Bértoa celebraráse a partires das 13 horas no local do CCRD de Perlío, e a entrada é de balde.
“María Fumaça” nace como unha idea de Uxía para agasallar a Ruí, o seu afillado, un neno marabilloso que ten unha discapacidade. Dende hai anos, polo Nadal, unha morea de artistas amigos xuntábanse na casa de Ruí para agasallarlle as súas cancións, a súa alegría, e para facer entre todos esta gran festa da vida que é “María Fumaça”. Tamén mostra que a diferenza, vivida con normalidade, amplía horizontes e fai o mundo máis grande. E nesta viaxe “María Fumaça” vai contaxiando a súa alegría e quere, neste Nadal de 2014, participar no “Nadal en Rede”, promovido pola Rede de Dinamización Lingüística a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, presentando o proxecto “A Cantar con María Fumaça”, que agora chega a Fene.
Un espectáculo de 60 minutos de duración aproximadamente, no que se cantará e bailará, espallando a lingua galega e contaxiando a alegría de vivir. Entre os seus obxectivos, conquerir unha maior visibilidade dos nenos con discapacidade, así como acadar condicións idóneas de accesibilidade en todos os ámbitos. Todo elo sen perder a alegría.











