O Concello de Carballo presenta un orzamento de 22,3 millóns de euros para 2015

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCarballo
A-
A+

O goberno carballés propón un orzamento para 2015 que no apartado de gastos reflicte un importe de 22.326.719 euros -un 4,11 por cento menos que en 2014 con 957.394,91 euros menos- e no de ingresos de 22.753.238 euros -cun descenso do 2,33 por cento respecto da previsión para o exercicio anterior con 541.754 euros menos-. Segundo explica a Concelleira de Facenda, Belén Lendoiro, son unhas contas que manteñen os criterios de “realismo” e “prudencia” que teñen caracterizado os orzamentos de todo o mandato que está a piques de rematar, ao atoparnos nun “contexto de crise que aínda continúa”. Xustifica o descenso no importe global dos gastos pola non inclusión no apartado de investimentos da segunda fase do proxecto de abastecemento a Carballo Anllóns Bardoso (cun importe de 2,4 millóns) ao estar xa contratada e en avanzado proceso de execución e de certificación de obras no exercicio 2014. E tamén porque non se inclúe o Plan de Aforro e Investimento da Deputación para Carballo, que supón 510.509,12 euros que non se reflicten ao concederse baixo a fórmula de préstamo. O Alcalde, Evencio Ferrero, subliña que “o control rigoroso do gasto” deixa unhas contas para a nova corporación que se elixirá en 2015 “con moi boa saúde económica”, cunha solvencia demostrada pola carga financeira, de tan só un 7,4 por cento, “a máis baixa dos últimos quince anos”.

Ferrero prevé un remanente de tesourería elevado para poder seguir medrando o próximo ano e defende as boas contas “porque por segundo ano consecutivo o Concello non tivo que facer operación de tesourería pola súa boa situación financeira”. Belén Lendoiro resalta que se trata dun presuposto que pretende, ao igual que nos últimos catro anos “garantir a viabilidade e calidade dos servizos” prestados polo Concello, e crear outros novos para todos os veciños e veciñas, “priorizando o benestar ao aumentar o gasto social”; convertendo o Forum nun centro de emprego, formación e promoción económica; e “cambiando Carballo a través das obras de humanización de rúas”. A Concelleira subliña que se trata duns “orzamentos sen préstamos” que cumpren coa “regra do gasto e a estabilidade orzamentaria debido á baixa carga financeira” e que “persegue o aforro en todos aqueles aspectos que sexan mellorables”. Analizando os números máis polo miúdo, no apartado de gastos. Lendoiro explica que se organizan arredor de tres piares, o gasto social, a dinamización económica, turística e do emprego e os investimentos reais. Respecto dos gastos correntes (Capítulo 2), que soben en 125.540,54 euros, a Concelleira resalta que baixan os custos relacionados co mantemento e subministros, mais soben os relacionados coas concesións e os servizos, especialmente polo contrato de alumeado público, pola nova Biblioteca ou pola contratación do persoal docente do Conservatorio Profesional de Música, ademais de polo canon de Sogama.

En todo caso, as contas reflicten un incremento en gasto social, con 972.345,15 euros que se destinarán, entre outras cousas, a incrementar as axudas directas a particulares con 65.000 euros; a subir o importe para bolsas de estudo con 65.000 euros; e a “manter o compromiso” coas entidades sociais, culturais e deportivas do municipio cunha axuda prevista de 757.190,5 euros reflectida no capítulo 4 de transferencias correntes (que soben 432.329,2 euros respecto de 2014). Así mesmo, soben as cantidades destinadas ao fomento do emprego, con 561.122 euros; e á dinamización económica, con 473.628,44 euros. Lendoiro quixo resaltar ademais a creación dunha partida de 25.000 euros para o transporte metropolitano en Carballo. Respecto dos investimentos reais, aínda que non reflicten o proxecto do Anllóns-Bardoso ou o Plan de investimentos da Deputación, ascenden a 3.703.275,24 euros. Recollen o Plan de Obras e Servizos da Deputación (POS 2015) con 663.675 euros que de destinarán integramente a investimentos; melloras nas instalacións deportivas por 408.000 euros, como a mellora da cuberta do Pavillón Vila de Noia ou a dotación dunha caldeira de biomasa para a piscina Carballo Calero; melloras de vías no rural por 352.939 euros; a humanización da rúa Martín Herrera; ou 150.000 euros para o acondicionamento de parques infantís.

Respecto do capítulo 1 de persoal, o importe é de 6.146.667 euros, lixeiramente superior ao de 2014 ao recollerse a recuperación por parte dos empregados públicos do 25 por cento da paga extraordinaria de 2012, ademais de manterse as extras correspondentes do exercicio. En todo caso, en 2015 non se realizará incorporación de novo persoal, salvo a que poida derivarse da execución dos procesos selectivos correspondentes coa Oferta de Emprego Público.

No apartado de ingresos non suben os impostos

Os ingresos previstos supoñen un total de 22.753.238 euros e Lendoiro quixo subliñar que “non soben os impostos do Concello”, aínda que si se incrementan os ingresos do capítulo 4 de transferencias doutras administracións debido a que os tributos do Estado si que se incrementan un 8,7 por cento con respecto de 2014 e teñen un importe de 798.393,24 euros. O capítulo tres de taxas e prezos públicos supón unha suba de 455.486 euros porque en 2015 regularase a través dunha ordenanza o uso das instalacións deportivas a través de prezos públicos, aínda que ese importe compensaráselle ás asociacións que fagan uso desas instalacións a través da liña de axudas a entidades, de tal maneira que non lles repercuta economicamente. O obxectivo desta operación contable é o de incrementar o esforzo fiscal do Concello para poder incrementar en varios miles de euros a achega que a administración local recibe do Estado, mais sen prexudicar ás asociacións deportivas. Respecto dos ingresos, tampouco se recolle a previsión polo canon da auga que deberá abonar a nova adxudicataria ao non poder entrar en vigor o novo contrato a primeiros de 2015 por estar momentaneamente paralizado o proceso de adxudicación.

Todas as previsións respecto de ingresos polo ICIO (Imposto sobre Instalacións, Construcións e Obras), o IBI (Imposto sobre Bens Inmobles) ou o IAE (Imposto de Actividades Económicas) están calculadas á baixa tendo en conta o contexto de crise e outras conxunturas como a reestruturación das entidades bancarias. Segundo explica o Alcalde, “seguíronse as indicacións dos técnicos de tributos e de intervención” para non “estricar os ingresos” e manter o criterio de prudencia. Tampouco se vai a recorrer a ningún crédito para afrontar os gastos, incluído o pago das obras do Anllóns-Bardoso -aínda que as condicións financeiras si permitirían contraelo- seguindo coa máxima da “prudencia”. Así, un dos obxectivos é o de “seguir reducindo a débeda” e conseguir que “Carballo teña capacidade para facer fronte a novos retos” nos exercicios vindeiros.

5 de decembro de 2014 | 17:53 • Sen comentarios

Comentarios pechados.