O Concello de Carballo presenta alegacións aos Mapas de zonas inundables
O Concello de Carballo vén de presentar hoxe, último día do prazo de exposición pública, as súas alegacións aos Mapas de perigosidade e risco de inundacións costeiras e fluviais da Demarcación Hidrográfica de Galicia-Costa reflectidos no Informe de zonas inundables delimitadas do municipio elaborado pola Xunta a través de Augas de Galicia. Un dos puntos principais nos que inciden as reclamacións refírese, por un lado, ás “importantísimas diferenzas” na delimitación do dominio público hidráulico e na zona de fluxo preferente que existen entre o resultado dos mapas actuais elaborados por Augas “e outras propostas existentes realizadas nos anos 2004 e 2009” que, segundo o Concello “resultan moito máis lóxicas e adaptadas á realidade do noso municipio”. Así, solicítase “que se corrixan as zonas de dominio público hidráulico probable grafiadas nos mapas de perigoridade”, reducíndoas “conforme ás limitacións e criterios legais correspondentes”.
As alegacións tamén reflicten o que o Concello considera unha “falta de consideración das consecuencias de tipo social e económico” que terá a “inclusión dentro das zonas de fluxo preferente de áreas densamente poboadas”. Respecto do proceso de elaboración dos mapas, as reclamacións tamén sinalan a falta de cooperación co Concello á hora do desenvolvemento xeral da avaliación do risco de inundacións e solicítase que á hora de elaborar a terceira fase do proceso se conte cos concellos para que podan expresar os seus puntos de vista e achegar información relevante para a elaboracion dos Plans de Xestión de Risco. Así mesmo, nas alegacións elaboradas pola Oficina Técnica Municipal tamén se subliña que “a documentación sometida a consulta pública non incorpora a totalidade dos datos utilizados para realizar a análise hidrolóxica-hidráulica”, como poden ser os caudais, o que dificulta a valoración por parte dos técnicos de se as conclusións achegadas por Augas de Galicia son acertadas ou non, xa que “non se pode comprobar se é correcta a definición das zonas de fluxo preferente, de incidencia fundamental en materia urbanística, económica e social”.
En xeral, as reclamacións sinalan “diversos erros, imprecicións e deficiencias” que “poñen de manifesto a necesidade de revisar e actualizar os mapas elaborados e a súa corrección a través do contraste con datos e elementos físicos existentes no terreo”. Por último, tamén hai que mencionar que o Concello ten solicitado o venres 5 de decembro diante da Xunta que se amplíe o prazo de exposición pública dos mapas para facilitar que os veciños e veciñas tamén teñan a oportunidade de presentar as súas propias alegacións. Polo de agora non se recibiu notificación algunha ao respecto, mais o martes 9 de decembro ás 14.00h, último día de prazo oficial, os veciños e veciñas tiñan presentado un total de 84 alegacións, sen contar a do Concello e aquelas que cheguen por correo nos próximos días.











