O Concello da Laracha xa dispón de dous vehículos híbridos para servizos municipais

Novos vehículos
O Concello da Laracha xa dispón dos dous novos vehículos híbridos cos que se renovou o parque móbil municipal. O alcalde, José Manuel López Varela, e os edís José Ramón Martínez Barbeito e Jesús Souto, recibiron os coches na Praza do Concello por parte do representante do concesionario Breogán Motor de Carballo, que foi a empresa á que se adxudicou o concurso.
Ambos automóbiles están valorados conxuntamente en 39.000 euros, contándose para o seu cofinanciamento coa colaboración da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia, que cubriu o setenta por cento desa cantidade con cargo á liña de axudas de natureza competitiva do Fondo de Compensación Ambiental.
Os automóbiles son respectuosos co medio ambiente ao contar cun motor metade eléctrico e metade de combustible sendo, por tanto, menos contaminantes e presentando un consumo reducido, o que tamén implicará un aforro económico para o Concello. Estes vehículos serán empregados exclusivamente para o desenvolvemento de servizos municipais.
O goberno local proporá ao Pleno da Corporación municipal desafectar os coches que ata o día de hoxe se empregaron para a realización desas funcións. Trátase de vehículos que superan os vinte anos de antigüidade, que no seu momento foran empregados pola Policía Local e que a día de hoxe xa están obsoletos polas súas características, alto consumo e gastos de mantemento por reparacións mecánicas.











