O Concello da Laracha e a Xunta investirán 162.000 euros na mellora de estradas rurais
O Concello da Laracha acometerá ao longo dos próximos meses unha serie de obras dirixidas a renovar a rede viaria municipal nas que se investirán un total de 162.400 euros, actuacións que serán cofinanciadas pola Xunta de Galicia ao estar incluídas no Plan marco do Programa de mellora de camiños de titularidade municipal 2014-2015 que promove a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) no marco do plan PDR Galicia 2007-2013 e que conta co financiamento do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader).
Os proxectos redactados polo Concello da Laracha e que se desenvolverán con cargo ao citado programa afectan a catro parroquias e a oito núcleos de poboación e os seus accesos. Trátase, en concreto, da zona de Escurido (parroquia de Lendo), Ramisquido (Coiro), Erboedo do Medio (Erboedo) e Balvís, A Castiñeira, A Casanova, Santa Margarida e As Cernadas (todos eles pertencentes á parroquia de Montemaior).
A previsión do goberno local é poder iniciar o procedemento de contratacións das obras antes de final de ano co obxectivo de que os traballos se inicien o antes posible. Os proxectos executaranse ao longo do primeiro semestre de 2015.
O Concello da Laracha e a Xunta de Galicia volven mostrar o seu compromiso co mantemento en bo estado da rede viaria municipal, tanto nos cascos urbanos como no rural, ao que se destinarán integramente os fondos procedentes deste programa de axudas dirixidas á mellora das infraestruturas públicas.











