O Concello da Coruña súmase aos actos de celebración polo Día Internacional do Voluntariado
A responsable da área de Servizos Sociais, Miguel Lorenzo, acompañado pola presidenta da Plataforma Coruñesa de Voluntariado (PCV), Carmen Calderón, presentaron as actividades que organizarán mañá, sábado 13 de decembro, con motivo do Día Internacional do Voluntariado no centro comercial de Catro Camiños.
“Se A Coruña é coñecida pola súa solidariedade é grazas a xente como vós. Persoas que a convertestes nunha cidade xenerosa, inclusiva e cohesionada. Sodes a viva imaxe da xenerosidade porque regalades o máis prezado que tedes: o voso tempo, e ademais compartides o voso agarimo e os vosos coñecementos con miles de veciños coruñeses, fomentando as súas relacións interpersoais e, en definitiva, construíndo unha sociedade mellor e máis xusta”, destacou o concelleiro.
Os actos, que se desenvolverán de 10.00 a 21.00 horas, inclúen actividades infantís, actuacións musicais, a lectura dun manifesto e a exposición, en diferentes casetas, das actividades desenvolvidas polas entidades que forman a Plataforma Coruñesa de Voluntariado: ADRA, Asociación Española contra o Cancro, Axuda en Acción, Banco de Alimentos Rías Altas, Cáritas Interprovincial, Cruz Vermella, Educo, Entreculturas, Oxfam – Intermón, Mans Unidas, Oficina de Cooperación e Voluntariado da Universidade da Coruña e o Voluntariado Social Fonseca.
Miguel Lorenzo volveu mostrar o seu apoio a esta iniciativa e lembrou que o Concello cedeu á Plataforma un local no Paseo das Pontes. “Este equipamento súmase ao labor que desenvolven os 116 voluntarios dos centros cívicos municipais”, destacou o concelleiro de Servizos Sociais, quen explicou que o Programa de Voluntariado Social que se desenvolve ao longo do ano polo Goberno municipal inclúe as seguintes accións:
– Accións de información, sensibilización e difusión.
– Accións de formación.
– Acción de Voluntariado Social en centros cívicos municipais.
– Accións de captación de voluntarios e voluntarias en centros cívicos.
A responsable da área de Servizos Sociais tamén quixo destacar o labor dos 100 voluntarios de Protección Civil e os máis de 120 que colaboran habitualmente co Servizo Municipal de Deportes.
“Seguiremos impulsando a acción voluntaria porque o voluntariado é unha maneira de involucrar á cidadanía ante os desafíos da sociedade actual, capaz de transformar o ritmo e a natureza do desenvolvemento social e que beneficia tanto ao conxunto da sociedade como ás persoas que o exercen”, concluíu Lorenzo.











