O Concello da Coruña rexeita o peche da planta de Alcoa
O Concello da Coruña rexeitou “taxantemente” a posibilidade dun “peche parcial ou total” da planta de Alcoa nesta cidade e instou ao Goberno “a unha solución para 2015” que pase pola celebración da poxa enerxética extraordinaria.
Nun comunicado, ante o anuncio do inicio da negociación dun expediente de extinción de emprego, o goberno local mostra “a súa firme confianza nas posibilidades da planta de Alcoa de cara ao futuro”.
Tamén insta ao Goberno “a unha solución para 2015 que pase pola celebración da poxa enerxética extraordinaria, contemplada no procedemento, para manter a produción dentro dos límites da rendibilidade”, engade.
Neste sentido, o Concello da Coruña afirma ser coñecedor de que o Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo “ten o firme compromiso de executar a mencionada poxa no mes de decembro do ano en curso”.
Ademais, demanda a elaboración dun novo marco regulatorio que “achegue estabilidade para o futuro das preto de 500 familias que traballan na factoría coruñesa”.
No seu comunicado, traslada o seu “total apoio e solidariedade” aos traballadores de Alcoa, así como a súa disposición “para intermediar na procura dunha solución que garanta a competitividade enerxética da factoría e da nosa comarca”, remarca.











