O Concello da Coruña recibe 16 propostas para o proxecto de reurbanización das rúas da contorna do mercado de Monte Alto

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

O Concello recibiu un total de 16 propostas para a execución do proxecto de renovación das rúas situadas na contorna do mercado de Monte Alto, enmarcado dentro do plan de urbanización e mellora de espazos públicos da cidade. Cun orzamento de 483.852 euros, o departamento municipal de Infraestruturas prevé executar esta obra en 2015.

Antes de sacar a concurso o proxecto, as concelleiras de Barrio e a área de Infraestruturas presentaron a veciños, comerciantes e placeiros de Monte Alto esta nova intervención de mellora dos espazos públicos. Nesta primeira fase que se licitou inclúese a reurbanización das rúas Conto, Forcarey e Joaquín González. Cun orzamento máximo de 483.852 euros, o prazo de execución é de 8 meses.

Os traballos desta primeira fase do proxecto permitirán emendar as deficiencias existentes nestas tres vías que rodean a praza; favorecer a mobilidade peonil na zona, así como o acceso ao aparcadoiro, o mercado e a escola infantil; instalar rede separativa de saneamento e canalizacións de iluminación e telecomunicacións das que carecía a zona; e recoller as augas pluviais procedentes dos baixantes dos edificios e instalar unha nova rede de sumidoiros.

Nunha segunda fase acometerase a remodelación da praza situada en superficie sobre o mercado municipal de Monte Alto. Para estas obras, cando se saquen a concurso, reservaranse 715.293 euros, cun prazo de execución de 4 meses. O Concello busca modernizar a praza para convertela nun espazo público máis amable que permita recuperar o seu papel central e como punto de encontro e convivencia no barrio. Ademais, instalarase unha zona de xogos infantís e outra máis estática e acubillada grazas a unha marquesiña que protexa do sol e da choiva. Entre ambas as fases, o novo investimento municipal en Monte Alto roldará os 1,2 millóns de euros.

O proxecto desenvolverase en dúas fases porque convén que a remodelación integral da praza do mercado municipal de Monte Alto se execute nos meses de verán, para evitar así filtracións de auga ao propio mercado. Ademais, esta decisión permitirá desenvolver as obras a un ritmo compasado para terminalas no terceiro trimestre de 2015 -a urbanización das rúas levará un máximo de 8 meses, mentres que para a reforma da praza a previsión é que se execute na metade de tempo-.

9 de decembro de 2014 | 12:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.