O Concello da Coruña oferta 3.000 prazas nas actividades deportivas do Nadal

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

O concelleiro de Educación, Deportes e Mocidade, Francisco Mourelo, acompañado de representantes de clubs e entidades deportivas da cidade, presentou, esta mañá, o programa de actividades deportivas de Nadal que este ano incrementa de novo a súa oferta de prazas até alcanzar as 2.930, das que 2.146 dedicaranse a campus, cursos e campamentos e 780 a eventos deportivos como torneos, trofeos ou exhibicións.

“Seguimos incrementando as prazas co obxectivo de facilitar que as familias concilien a vida familiar e laboral en período de vacacións e para animar aos coruñeses de todas as idades a que aproveiten o seu tempo libre para a práctica deportiva e a adquisición de hábitos de vida saudables”, explicou Mourelo, quen continuou: “Trátase de cambiar os estilos de vida propios desta época do ano na que se abusa da vida sedentaria, da comida e de actividades pasivas como ver a tele ou xogar con videoxogos”.

Francisco Mourelo explicou que se desenvolveron actividades para toda a familia, tanto para escolares de Infantil, Primaria e Secundaria, como para adultos; e que se celebrarán entre o 18 de decembro e o 15 de xaneiro. Neste sentido, o concelleiro anunciou que se presenta unha oferta variada coa organización de 30 modalidades deportivas que inclúen deportes con máis practicantes habituais como atletismo, baloncesto, balonmán, fútbol, fútbol sala, ximnasia artística e rítmica, natación, voleibol ou patinaxe; deportes náuticos como vela ou windsurf; e outras actividades como equitación, defensa persoal, escalada, golf, tríatlon e pentatlón, rugby ou zumba.

Ademais, prográmanse un total de 74 actividades diferentes, 18 eventos deportivos e 56 campus, cursos e campamentos. “É unha oportunidade única para perfeccionar ou iniciarse nunha modalidade deportiva xa que se expoñen 32 cursos e xornadas deportivas, ademais de 19 campus”, explicou o concelleiro, quen destacou eventos deportivos como o III Torneo Solidario 5 de Fútbol sala, o Torneo Teresa Herrera de Baloncesto, o Torneo Familiar de Golf Concello da Coruña, as III Xornadas Nacionais de Nutrición, Exercicio Físico e Saúde e, por suposto, a carreira popular San Silvestre.

Francisco Mourelo sinalou que estas actividades, nas que participan 27 entidades da cidade, desenvolveranse en diferentes espazos entre instalacións deportivas municipais, espazos ao aire libre ou instalacións doutras entidades deportivas, como un exemplo máis da colaboración que se dá durante todo o ano entre o Concello e as entidades deportivas da cidade, xa sexa cedendo equipamentos para que se realicen as súas actividades ou colaborando cos eventos deportivos de deporte base con medios materiais, infraestruturas e trofeos.

A inscrición pode realizarse desde hoxe e até o próximo 17 de decembro, a través da web municipal www.coruna.es/deportes ou nas oficinas das propias entidades, cos seus propios prazos e procedementos.

Por outra banda, o concelleiro de Deportes lembrou que até o 13 de decembro todos os alumnos das Escolas Deportivas Municipais, así como os familiares da categoría adultos (fillos, sobriños e netos), poderán participar no III Concurso de Postais de Nadal O deporte en Nadal. Para os debuxos poderase empregar calquera técnica de pinturas e admitirase un debuxo por participante que terá que presentarse nas Instalacións Deportivas Municipais: Palacio dos Deportes de Riazor, Polideportivo do Barrio das Flores e Cidade Deportiva da Torre.

Os interesados poderán participar en categoría infantil A (até 5 anos) e B (de 6 a 11 anos), xuvenil (de 12 a 17 anos) e adultos (maiores de 18). Haberá agasallos para os gañadores de cada unha das categorías e todos os debuxos exporanse no Palacio dos Deportes. Ademais, a postal gañadora da categoría Infantil será a imaxe coa que a Concellaría de Educación, Deportes e Mocidade felicite o Nadal.

5 de decembro de 2014 | 18:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.